A baixa natalidade deixa outro ano máis prazas libres na maioría de colexios

Os nacementos no municipio redúcense en cen ao ano, o que se traduce na matrícula
Una profesora guía a los alumnos el primer día de colegio. AEP
photo_camera Una profesora guía a los alumnos el primer día de colegio. AEP

A baixa natalidade volve a deixar prazas libres en case todos os colexios de Lugo. O mesmo ocorreu o ano pasado e o mesmo ocorrerá, seguramente de forma máis evidente, o ano que vén, cando empecen o colexio os nenos nacidos no primeiro ano da pandemia, o 2020, que foi tamén o exercicio no que a provincia lucense logrou un marca histórica de caída de natalidade.

Polo momento, os centros rexistraron este luns as solicitudes de matrícula para os pequenos nacidos en 2019, que foron no concello lucense un total de 622. Xa no curso pasado, cando foron escolarizados os 738 nacidos en 2018, notouse de forma evidente ese descenso no número de novas solicitudes e, neste, aínda se percibe de forma máis rotunda. "Hai menos nenos, vaise notando ano a ano", dicían desde o Ceip Luís Pimentel, que con 75 prazas é o colexio do municipio con máis unidades para alumnos de tres anos.

COLEXIOS

Polo momento, as solicitudes de praza (44) non chegaron nin a cubrir as 50 de dúas unidades, pero o certo é que, aínda que o prazo de matrícula pechásese onte ás dúas da tarde, non é estraño que cheguen alumnos ao longo do curso.

Dos centros que colaboraron achegando os datos deste curso só dous tiveron máis demanda que oferta: Rosalía de Castro e Divino Mestre. Nos demais quedan prazas libres e, en polo menos catro deles, estas superan a vintena.

O descenso de nacementos a tenor duns cen por ano no concello de Lugo reflíctese claramente nunha xornada como a deste luns. Hai uns anos, moitos pais deixaban ata o último momento a presentación dos documentos coa esperanza de que quedase unha praza libre no colexio da súa elección. A miúdo a demanda superaba con moito a oferta, mentres que agora, sucede ao revés e o estraño sería que unha familia non poida matricular aos seus fillos no centro que desexe.

Comentarios