Baixa a delincuencia un 9,7% en Lugo, pero aumentan as estafas

Ese incremento percíbese, de forma especial “nos cargos indebidos a cartóns bancarios por importe inferior aos 100 euros”, dixo Isabel Rodríguez
Un vehículo de Policía. ARCHIVO
photo_camera Un vehículo de Policía. ARQUIVO

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou este venres de que a delincuencia baixou en 2020 en Lugo nun 9,7%, nun ano marcado pola pandemia e polas medidas adoptadas para tratar de frear as cadeas de transmisión do covid-19, aínda que subiron as “pequenas estafas a través de Internet”.

Rodríguez, que presidiu esta mañá unha reunión da Xunta Provincial de Seguridade, precisou que as infraccións descenderon nos ámbitos urbano e rural, dado que pasaron de 7.315 no ano 2019 a 6.605 en 2020.

“Son datos moi bos, pero loxicamente debemos ter presente que esa baixada tan grande está relacionada co feito de que 2020 foi un ano especial nas nosas vidas e que todo, tamén a seguridade, viuse condicionado pola pandemia”, engadiu.

As estatísticas reflicten un gran descenso en todos os tipos de delitos, precisou a subdelegada, salvo no caso das pequenas estafas por Internet, que aumentaron”.

Ese incremento percíbese, de forma especial “nos cargos indebidos a cartóns bancarios por importe inferior aos 100 euros”, dixo Rodríguez, quen aproveitou para avisar á cidadanía de que “teña moito coidado para non caer nese tipo de engano”.

“Hai que comprobar sempre se se está facendo un uso seguro das novas tecnoloxías e ler sempre a letra pequena cando se fagan compras por Internet”, aconsellou.