"As axudas do plan de reactivación deberían ser segundo a facturación", din os excluídos

Lucenses que quedaron sen opción de solicitar as subvencións achacan á "chapuza de alguén" a súa situación e piden que non se repita o mesmo erro
undefined
photo_camera Algúns dos empresarios afectados polas exclusións, reunidos en Lugo o martes. SEBAS SENANDE

Non son os únicos, pero os profesionais que traballan —ou traballaban— no negocio das vodas están entre o colectivo máis numeroso dos que quedaron fóra das axudas do plan de Reactivación Económica do Concello. Os fondos dispoñibles, 1.060.000 euros, esgotáronse en só 24 horas.

Estiman que en Lugo poden ser uns cen os que non tiveron opción de pedir a axuda só do seu sector, xa que eles dependen dunha actividade que se afundiu, ata case desaparecer, este ano do covid.

"As axudas deberían ser por facturación", din os afectados, que alegan que o sistema establecido polo Concello pode permitir que reciban subvenciones comercios aos que lles foi ben no ano da pandemia e queden fóra outros que non puideron traballar polo virus. "Se cadra entra nas axudas unha tenda de alimentación ou unha zapatería que, polo que sexa, vendeu máis ca nunca e quedan fóra persoas que non facturaron en todo o ano", din.

"Agora dámolo todo por perdido, pero queremos que non se repita a mesma discriminación en futuras ocasións", afirman

Quedar excluídos das subvencións fíxolles caer no desánimo. "Nas bases, parecía que as axudas ían ser para todos, pero cando entrabas a preparar a documentación xa quedaba claro que había CNAEs excluídas", sinalaban. "No anterior plan, as bases fixéronse mellor", aseguran os afectados.

Cren que sufriron, basicamente, "unha chapuza" de alguén e este mércores reclamaban ao goberno local que vixíe para que non volva cometerse unha discriminación por sectores. "Agora xa o damos por perdido todo, lamentablemente", dicían.

Entre os afectados hai Dj, fotógrafos, planificadores de vodas... Agora, todos eles fían o seu destino a que a situación sanitaria permita recuperar algo a actividade este ano, aínda que non as teñen todas consigo.

"O ano pasado, fixéronse tres das vinte e cinco vodas que tiña", contaba un fotógrafo cuxa actividade se resentiu seriamente pola crise sanitaria. Engadía que está por ver o que ocorre este ano. "Hai planificadas bastantes vodas, pero que se celebren depende de moitos factores. Se os horarios das actividades non se abren, as que hai programadas para as noites quizais teñan que suspenderse", indicaba.