Aviso a Urbaser por non retirar follas da rúa en Lugo

Houbo queixas porque propician esvaróns e bolsas de auga e a firma argumentou que se centrou noutros labores ao averiarse unha varredora

Hai rúas de Lugo que están completamente alfombradas de follas, unha situación que provocou queixas veciñais e motivou que o Concello pida explicacións á empresa concesionaria, Urbaser, segundo recoñeceu este martes o concelleiro Daniel Piñeiro.

Zonas da Ronda, a contorna do Parque ou as principais avenidas da cidade están en moitos tramos cubertas de follas, unha situación que provoca problemas coa choiva, xa que hai esvaróns e os sumidoiros tópanse, formando bolsas de auga, o que motiva as queixas cidadás.

A empresa, segundo indicou o Concello, argumentou que a retirada das follas caídas durante o outono atrasouse debido a que unha das máquinas varredoras sufriu unha avaría importante e estivo fóra de servizo.

Ademais, a empresa que se encarga do servizo de limpeza argumentou que se estivo centrando esta tempada na retirada de vertedoiros incontrolados, un problema recorrente en Lugo, e na roza de zonas problemáticas, como terreos situados na zona de Abella.

O problema da presenza de follas nas rúas afecta a practicamente toda a cidade, xa que o groso das árbores plantadas nas rúas da cidade son de folla caduca.