domingo. 05.04.2020 |
El tiempo
domingo. 05.04.2020
El tiempo

Restablecido 36 horas despois a subministración de auga na rúa Serra Gañidoira

Billa habilitada polo Concello. EP
Billa habilitada polo Concello. EP
O Concello non logrou atopar o domingo unha empresa que fixese a reparación

Unha nova avaría en fin de semana na rede de abastecemento municipal volveu deixar sen auga durante máis dun día uns veciños, neste caso do barrio da Residencia, ao non ter o Concello unha cuadrilla de garda para facerse cargo destes labores en xornadas festivas. A subministración quedou restablecido este luns, tras case 36 horas sen servizo.

Tras as avarías na rúa Marqués de Ombreiro e en Rei Don García, nesta ocasión os afectados foron parte dos abonados da rúa Serra Gañidoira, en concreto os edificios con número impares. Quedaron sen subministración desde as 2.30 horas da madrugada do domingo, cando un operario municipal procedeu a cortar a chave de paso para impedir que seguise manando a fuga que se rexistraba tras rebentar a tubaxe de fibrocemento á altura do número 71 da rúa. 

Segundo explicaron fontes municipais, o Concello instalou despois dúas billas provisionais para facilitar que os veciños afectados se fornecesen de auga da traída, mentres que desde o domingo pola mañá se tratou de localizar unha empresa que se fixese cargo do arranxo da obra. Con todo, finalmente non se puido atopar ningunha dispoñible ben porque as contactadas tiñan traballadores de vacacións ou non dispuñan dunha pa necesaria para facer a escavación. 

As mesmas fontes sinalaron que en todo caso sería a quenda da brigada municipal que entraba este luns ás 8.00 horas a que procedese a reparar a avaría, dado que os funcionarios deste departamento non realizan horas extra por un conflito co Concello. 

CRÍTICAS DO PP. O portavoz do grupo popular, Ramón Carballo, dixo compartir a indignación dos veciños afectados pola avaría, da que culpa á "pasividade da alcaldesa por solucionar un problema que afecta a práctica totalidade dos barrios de Lugo". Ademais, dixo que a baixa presión das billas provisionais provoca que se tarden 10 minutos en encher unha garrafa de auga.

Restablecido 36 horas despois a subministración de auga na rúa...
Comentarios