domingo. 13.06.2021 |
El tiempo
domingo. 13.06.2021
El tiempo

As avenidas de entrada non pasarán a ser zona 30 como o resto de Lugo

undefined
A Avenida de Madrid non será zona 30 e manterá a limitación de 40 quilómetros por hora. VICTORIA RODRÍGUEZ
Arroxo di que Lugo se adiantou á normativa viaria da DXT que rexerá desde o 11 de maio

As avenidas con dobre carril de entrada á cidade, como Duquesa de Lugo ou a Avenida de Madrid, así como roldas interiores como República Arxentina, manterán a limitación de velocidade de 50 ou 40 quilómetros por hora a partir do 11 de maio, cando entra en vigor a nova normativa da Dirección Xeral de Tráfico que xeneraliza as zonas 30 nos centros urbanos.

Así o manifestou este venres o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, quen fixo balance das medidas de seguridade viaria implantadas polo Concello nos últimos anos e que, segundo considera, se adiantaron ás que vai facer efectivas a DXT.

O tenente de alcalde explica ademais que apenas será necesario cambiar a sinalización viaria da cidade para adaptarse á nova normativa xa que, a pesar de que desde o día 11 do mes próximo todas as rúas dos centros urbanos pasan a ter un límite de 30 quilómetros por hora, a DXT "non obriga a sinalizar, xa que é unha norma xeral. Todas as rúas que teñan unha velocidade distinta de 30 si que deberán ser sinalizadas", explica Arroxo.

Máis información: As cidades, listas para a revolución das súas rúas a 30 km/h nun mes

Ademais, recorda que a normativa exceptúa do novo límite as vías urbanas de dobre carril, que si poderán continuar co máximo actual de 50 quilómetros, aínda que o edil nacionalista recorda que na cidade hai vías deste tipo nas que xa se implantou a zona 30, como a Ronda da Muralla ou Ramón Ferreiro. En cambio, na nova ordenanza municipal de tráfico que redacta o Concello para adaptarse ás novas normas da DXT contémplase que as entradas con dobre carril da cidade manteñan o límite de 50 ou 40 quilómetros, segundo o caso.

MÁIS MEDIDAS. Arroxo tamén aludiu a outras actuacións acometidas polo Concello para "favorecer unha mobilidade moito máis amable coas persoas" e, neste sentido, recordou que neste mandato unha das primeiras medidas postas en marcha foi a mellora da seguridade viaria nas contornas escolares, coa instalación de pasos de peóns elevados e distintos elementos para mellorar a seguridade e a visibilidade.

Así mesmo, aludiu aos proxectos de peonalización de rúas proxectados ou en execución, como o de Quiroga Ballesteros, o tramo da Ronda da Muralla na Mosqueira, varias vías de Recatelo ou a creación dunha plataforma única na Rúa Luís Seoane, na Milagrosa.

O nacionalista destaca ademais que a área de mobilidade realizou tamén un novo deseño do transporte urbano, formado por 22 liñas, acometeu a reforma do pavimento de máis dunha vintena de rúas en diferentes barrios da cidade, así como a reforma das beirarrúas noutra decena, á vez que implantou un novo plan de tráfico na Milagrosa.

As avenidas de entrada non pasarán a ser zona 30 como o resto de Lugo
comentarios