Avanzan os traballos da reurbanización na esquina de San Roque

Falta por tirar a planta dunha casa, pero xa non será necesaria a gran máquina que se utilizou nas últimas semanas
Obra de demolición de las construcciones entre San Roque y la Ronda. SEBAS SENANDE
photo_camera Obra de demolición de las construcciones entre San Roque y la Ronda. SEBAS SENANDE

A obra de reurbanización da esquina de San Roque segue avanzando e este luns a empresa Ogalia comezou a preparar os traballos para machucar os restos das edificacións que demoleu. Falta por tirar a planta dunha casa, pero para ese traballo xa non será necesaria a gran máquina que se utilizou nas últimas semanas e que este luns foi retirada do solar.

Os traballos neste céntrico enclave foron menos vistosos nas últimas semanas, logo do rechamante labor de derriba das edificacións en ruínas, pero non estiveron parados. O persoal da empresa Ogalia estivo seleccionando e retirando a madeira, para que a pedra e o resto de material que machucará vaia o máis limpo posible. Ese material é reutilizado pola empresa noutras obras, fundamentalmente para recheo.

O que non vale leva a un vertedoiro de residuos de construción. Unha vez acaben os traballos de derriba e retirada de materiais, Ogalia comezará a urbanización da contorna. Levará modificacións provisionais no tráfico rodado e peonil, xa que unha das partes máis simbólicas do proxecto é a retirada da pasarela metálica que foi instalada hai varias décadas para comunicar Montero Ríos con San Roque e que ía ser temporal. O proxecto lévao a cabo Hipólito SL, a promotora dona do solar contiguo, onde o PXOM prevé edificios de catro e de cinco alturas (estas en o frontal de San Roque).

A empresa asegura que aínda non empezou a traballar no proxecto edificatorio. A modificación do Pepri na que se apoia esta urbanización foi impulsada pola promotora privada e aprobada pola Xunta e o Concello. Adega recorreuna ao TSXG porque considera que dana a muralla e o Camiño Primitivo e perdeu, pero anunciou que acudirá ao Tribunal Supremo.

Comentarios