Auxilian a un peregrino chinés que deambulaba pola N-VI tras ser roubado en Lugo

Tras comprobar que se atopaba ben de saúde, o home foi trasladado ao Fogar do Transeúnte para pasar a noite
Guardia Civil. EUROPA PRESS
photo_camera Garda Civil. EUROPA PRESS

Axentes da Garda Civil localizaron a un peregrino chinés en plena noite no municipio de Baralla (Lugo) cando camiñaba "en camiseta e pantalón curto" pola marxe da estrada Nacional VI en dirección a Madrid, e que carecía de documentación e pertenzas tras ser obxecto dun roubo en Lugo.

Os feitos sucederon o pasado luns, cando veciños de Baralla avisaron ao 112 de que viran a un home "andando pola estrada en dirección Madrid" en plena noite.

Tras ser localizado pola Garda Civil, informouse á Comisaría Provincial de Lugo para proceder á súa identificación, dado que o home carecía de documentación e tampouco levaba encima ningunha pertenza.

A pesar de que non falaba "nin unha palabra de castelán nin de inglés", os policías que o asistiron conseguiron pescudar que estaba a facer o Camiño de Santiago e que, nunha das escalas en Lugo, "suponse que de regreso xa a Barcelona, onde ten uns coñecidos, foi obxecto dun roubo".

Ao verse sen documentación, "estaba intentado ir a esa localidade", informou a Policía Nacional nun comunicado.

Xa en Lugo, logo de recibir os primeiros auxilios no PAC do Corgo, foi trasladado ao servizo de Urxencias do HULA para recibir atención médica.

Con todo, tras comprobar que se atopaba ben de saúde, foi trasladado ao Fogar do Transeúnte para pasar a noite, á espera de ser identificado.

Comentarios