Autorizan a transformación da escola Enfermería nunha Oficina de Emprego

Segundo Isabel Rodríguez, o Goberno de España está “a actuar coa máxima lealdade institucional e pondo” os “intereses dos veciños por encima de calquera outra consideración”

Una vecina observa la demolición del Xeral. XESÚS PONTE
photo_camera Escola de Enfermería en Lugo. AEP

O Goberno autorizou á Xunta de Galicia a “ocupación temporal” da antiga escola de Enfermería, un edificio integrado no complexo do vello Hospital Xeral, para transformar ese inmoble na nova Oficina de Emprego da cidade.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, aclarou que por parte do Executivo central están a darse “todas as facilidades” posibles para “dotar de novos servizos ao barrio da Residencia, colaborando tanto co Concello de Lugo como coa Xunta de Galicia”.

Segundo Isabel Rodríguez, o Goberno de España está “a actuar coa máxima lealdade institucional e pondo” os “intereses dos veciños por encima de calquera outra consideración”.

“Desde o primeiro momento, este Goberno e eu mesma preocupámonos de axilizar todos os trámites administrativos necesarios para a creación de novas infraestruturas na zona, ás que lles demos máxima prioridade”, aclarou.

De feito, neste caso concreto, precisou que a Tesourería Xeral da Seguridade Social, que é a propietaria de todos os terreos ocupados polo antigo complexo do Hospital Xeral de Lugo, autorizou a “ocupación temporal” para “facilitar o inicio das obras antes de que se produza a formalización do documento de cesión” definitiva. 

Comentarios