Autorizan ampliar o paso baixo a N-VI e a glorieta con Afonso X recortarase

O PP critica que o goberno local siga sen ceder terreos do parque do Miño para a rotonda

Paso de Calzada da Ponte. VÁZQUEZ (AEP)
photo_camera Paso de Calzada da Ponte. VÁZQUEZ (AEP)

O Ministerio de Fomento autorizou ao Concello a ampliar o paso subterráneo da N-VI, nas inmediacións do Pazo de Feiras, segundo asegurou onte o goberno local. Este informou, ademais, de que a solución para facer a rotonda nesta estrada, á altura do campus, "está canalizada".

A ampliación do paso subterráneo é un proxecto que se financiará con fondos da estratexia Dusi, cofinanciada pola UE. Ademais de ampliar as súas dimensións, unhas obras que esixirán facer cortes e desvíos na N-VI, prevese arrombar o paso e iluminalo. Facelo, en definitiva, máis atractivo e seguro como vía de acceso peonil desde a cidade ata o Pazo de Feiras, as instalacións do Palomar e a zona fluvial. Actualmente é un túnel pouco coidado que disuade de introducirse por el e funciona máis ben como un paso de auga cando chove moito e hai escorrentías desde a zona do Carme.

O proxecto xa ten todos os permisos -Patrimonio e a Confederación Hidrográfica fixeron observacións que serán incorporadas- e o seguinte paso é redactor o prego de condicións para sacar a concurso a obra.

A accesibilidade nesa zona tamén está previsto que mellore cunha pasarela á altura da glorieta do Anxo Carro. Esta obra non está exenta de polémica, xa que a oposición cuestionou a súa viabilidade técnica e a súa funcionalidade. Está adxudicada e espera polo permiso de Patrimonio, xa que está no ámbito de Protección do Camiño Primitivo. En febreiro, Patrimonio pediu máis documentación e algún axuste nel e a información xa lle foi remitida hai meses, asegura o goberno.

O deseño da pasarela foi realizado pola empresa Inca e tivo que ser revisado porque non cumpría toda a normativa de accesibilidade, como denunciou EU.

Outra intervención moi demandada na N-VI e comprometida desde hai tempo é a construción dunha glorieta á altura da Avenida Afonso X, que da acceso ao campus e aos barrios de Augas Férreas e de Acea de Olga. A obra correrá a cargo do Ministerio de Fomento, que en novembro de 2016 solicitou ao Concello que puxese a disposición os terreos necesarios para levala a cabo, e o Concello, a diferenza da Deputación, aínda non cumpriu, denunciou onte o portavoz do PP, Ramón Carballo.

"TORPEDEO". "Antes entendiamos que se torpedease a nova rotonda, xa que se trataba de facilitar as cousas a un goberno do PP, pero dende hai máis dun ano e medio hai un goberno socialista", afirmou Carballo. O equipo da alcaldesa informou de que, recentemente, esta mantivo unha reunión con membros de Fomento para abordar varios temas, entre eles este. Optouse por redeseñar a glorieta para afectar a menos terreos e axilizar os permisos, explicou o goberno local.

Comentarios