Ángeles Vázquez prevé que no verán subirán os prezos do leite en orixe

A aula de Produtos Lácteos xa conta con máis de 100 clientes en Europa, América e o Magreb

O centro de I+D+i do campus lucense prevé aumentar este ano un 40% a súa facturación, aproximándose ao medio millón de euros ► A conselleira do Medio Rural, que a visitou este venres, destacou que non só é un referente nacional, senón tamén internacional
Ángeles Vázquez en el Aula Láctea
photo_camera Ángeles Vázquez en el Aula Láctea

Lugo exporta I+D+i a través da súa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, que está a piques de cumprir as súas vodas de prata. Este centro de investigación aplicada da USC, que se atopa en Sanfiz, conta con máis dun centenar de clientes, entre industrias, administracións públicas e indicacións de orixe. Son, sobre todo, de fóra de Galicia. Así presta servizos a firmas e institucións de Europa, Iberoamérica e o Magreb.

Entre ese centenar de clientes figuran firmas como Lactalis, Capsa Food, Feiraco, Leche Pascual, Entrepinares, Leche Celta, Reny Picot, Mantequerías Arias, Gallina Blanca, Pescanova, Compañía Española de Algas Marinas, Cabomar Congelados, Ingapán ou Cafés Candelas.

Esta aula láctea foi visitada este venres pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen destacou que é "un referente a nivel nacional e está a empezar a selo a nivel internacional". Ademais, reivindicou o papel que xoga o campus terra no sector agroalimentario.

Este centro do campus lucense prevé incrementar este ano a súa facturación en máis do 40% con respecto a 2015, no que roldou os 350.000 euros. A súa actividade viuse reducida o exercicio pasado debido ao trastorno que supuxo a demora de 10 meses no cambio de sede desde o Pazo de Feiras e Congresos ata Sanfiz.

O seu director, Enrique Arbones, explicou que "a demanda en I+D no sector creceu enormemente e tamén en formación", polo que, ao seu xuízo, "chegar a medio millón de euros sería unha meta factible".

A súa planta piloto, unha das mellor dotadas de Europa e Iberoamérica, pode procesar 10.000 litros de leite diarios

A aula presta, sobre todo, servizos para o desenvolvemento e mellora de produtos e procesos do sector agroalimentario, tanto lácteos como conservas, sopas, zumes, bebidas, cremas, dietéticos ou especiais para bebés e persoas maiores. Para iso dispón de instalacións e medios técnicos que permiten reproducir, a escala reducida e co consecuente aforro de persoal, tempo e diñeiro, os procesos industriais.

Tamén imparte formación; asesora sobre o deseño de liñas de proceso; realiza servizos de seguridade e calidade alimentaria e analiza propiedades dos alimentos.

INSTALACIóNS. A súa planta piloto, que tivo a oportunidade de coñecer este venres a conselleira do Medio Rural, está considerada como unha das mellor dotadas de Europa e Latinoamérica. Abarca practicamente todas as tecnoloxías de elaboración de produtos lácteos a escala semindustrial, como queixos, iogures, bebidas de soia, horchata ou batidos; xeados e produtos gasificados e concentrados, deshidratados e en po. A súa capacidade de procesado é de 10.000 litros de leite ao día.

As súas novas dependencias de Sanfiz, inauguradas o 1 de xuño do ano pasado, Día Mundial do Leite, ocupan unha superficie de 2.600 metros cadrados, dos que 1.900 corresponden á área tecnolóxica, 300 a laboratorios e os 400 restantes a salas de servizos auxiliares.

O persoal da aula Láctea está formada por 12 persoas: dous doutores, catro licenciados, outros tantos enxeñeiros e un par de técnicos de apoio. Ademais, recorren ás súas instalacións investigadores de fóra do campus lucense, sobre todo estranxeiros.

Comentarios