Un ano e medio de cárcere para un lucense por vender "unha bolsiña" de heroína 

No momento da detención do agora condenado incautáronselle 21,20 euros procedentes do tráfico

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a un ano e medio de prisión a L.Q.V., veciño da cidade de 45 anos pola venda dunha pequena cantidade de heroína. 

A sentenza, con data do 12 de xaneiro, recolle como feitos probados que o 17 de abril de 2014, sobre as 11.00 horas, o acusado, sen antecedentes penais computables, entrou en contacto con outro home nas proximidades da Porta de San Pedro de Lugo e entregoulle "unha bolsiña que contiña heroína, cun peso de 0'086 gramos, e unha pureza de 24,59%, pola cal lle pagou 10 euros". 

No momento da detención do agora condenado incautáronselle 21,20 euros procedentes do tráfico, según a o fallo da Audiencia. 

O acusado negou os feitos, pero os maxistrados entenden que a declaración dos axentes de Policía en relación co atestado que ratificaron e explicaron "é proba suficiente para acreditar o contrario".