Atropela a unha muller e achácao a que chovía e que se lle cruzou un coche

O acusado arrolou a unha septuaxenaria nun paso de cebra e deu negativo en alcol. Afronta catro meses de cárcere e 30 meses sen carné

O xulgado do Penal número 1 de Lugo celebrou este martes un xuízo contra un mozo que atropelou a unha septuaxenaria nun paso de peóns e causoulle feridas de gravidade. O acusado explicou que conducía "amodo", pero que se cruzou outro coche no seu camiño e impediulle ver á peatona. "De súpeto, saíu un coche dunha rúa e cruzóuseme diante. Cando vin á muller pisei rapidamente o freo, pero a calzada estaba mollada e as rodas escorregáronme. Se non chovese ou non se cruzase ese coche daríame tempo a frear", explicou.

O suceso produciuse sobre as oito e cuarto da tarde do 22 de decembro de 2015. Ese día, o acusado conducía o seu turismo pola rúa Rei Don García, en dirección á Ronda das Fontiñas. Segundo o fiscal, o mozo circulaba "sen prestar a atención debida e a unha velocidade inadecuada".

Nun momento do traxecto, ao chegar á intersección coa rúa Pintor Laxeiro, o condutor arrolou a unha muller de 77 anos que cruzaba por un paso de peóns. A muller quedou tendida sobre a calzada e foi trasladada en ambulancia ao Hula, onde foi atendida por varias contusións e fracturas. Tal e como se recolle no escrito de acusación da Fiscalía, a anciá estivo un total de 148 días "incapacitada para as súas ocupacións habituais" (dos que 50 estivo totalmente incapacitada e 98 parcialmente).

Segundo declarou este martes a muller, antes de cruzar a calzada mirou a ambos os dous lados e viu o coche do acusado. "Vin as luces de lonxe e pensei que me daba tempo a pasar, aínda que eu andando son moi lenta", recoñeceu. A septuaxenaria explicou que non viu ningún outro coche cruzándose e afirmou que o turismo que a atropelou golpeou primeiro o carriño da compra que levaba consigo. "Non me deu directamente a min nin me desprazou co golpe, senón non o estaría contando", dixo.

Tras o accidente, a Policía Local someteu ao acusado á proba de alcoholemia e o mozo deu negativo.

PENAS. O ministerio fiscal considera que o condutor é autor dun delito de lesións por imprudencia grave con vehículo a motor e solicita para el unha condena de catro meses de cárcere, así como dous anos e medio de retirada do permiso de conducir. Tras escoitar os testemuños das partes, o xuízo quedou este martes visto para sentenza.