Aspnais recibe catro peticións ao día para as súas residencias, todas completas

O fogar de maiores e os apartamentos para independentes, que suman 22 prazas, son das máis solicitadas. Retoma as súas xornadas de portas abertas e calquera pode visitar as instalacións os xoves pola mañá
Taller de madera en las instalaciones de Aspnais. XESÚS PONTE
photo_camera Taller de madera en las instalaciones de Aspnais. XESÚS PONTE

As prazas residenciais coas que conta Aspnais<> nas súas instalacións do que era antes o hospital de San espertan moito interese. O persoal calcula que cada día se reciben entre tres e catro chamadas con solicitudes desde toda Galicia, que non se poden atender porque agora mesmo xa están todas cubertas.

O fogar e os apartamentos para maiores, que supoñen 22 en total, teñen unha gran demanda. No fogar hai 14 nas que teñen cabida persoas con calquera grao de dependencia. Nos apartamentos, pensados para persoas independentes, son 8. Nestes últimos pode darse o caso de atopar a pais dalgún residente de Aspnais con discapacidade que, ao facerse maior e verse un pouco máis limitado, decidiu trasladarse a esas instalacións. Son pequenos pisos situados dentro do edificio que permiten aos usuarios contar coas súas propias estancias e unha maior liberdade mentres reciben a asistencia que necesitan.

"Se eu fose maior e necesitase ir a unha residencia iría a esta nosa sen dubidalo", di unha das traballadoras, mentres as demais asenten. Para algunhas delas, a situación ideal sería contar con máis espazo e persoal, preferentemente cunhas instalacións próximas como o edificio da Fundación TIC, para ampliar as prazas residenciais para maiores. "Unha vantaxe que ten esta residencia é que os familiares poden visitar aos seus cando queiran e o tempo que queiran, sen as limitacións de horarios que ás veces hai noutros centros", explican.

Non son os únicos servizos que levantan interese. Igualmente, o centro recibe chamadas preguntando polas prazas residenciais para persoas con discapacidade ou con enfermidade mental, pero tamén están ao completo. A demanda está máis que clara e se contasen con maior dispoñibilidade de espazo e persoal teñen claro que se ocuparía rapidamente.

Esta semana, a asociación retomou as xornadas de portas abertas para que calquera persoa interesada en coñecer as instalacións poida velas por dentro. é un percorrido exhaustivo por un edificio completamente transformado no que se pode ver como son os apartamentos para maiores, o fogar ou a residencia para persoas con discapacidade psíquica. Tamén mostran áreas aínda en transformación e os seus plans para ela. Por exemplo, a capela adecuarase para acoller misas mensuais, que se abrirán a todas as persoas non residentes que desexen acudir. Os talleres, cos usuarios en plena actividade, tamén se inclúen na visita. Neles fanse gravados, traballos en madeira ou xabóns, entre outros traballos.

O presidente de Aspnais recorda que os interesados en asistir a unha visita deben chamar con antelación ao 982 28 41 07. Son os xoves, ás once da mañá, e prolónganse como mínimo por unha hora.
 

"Queremos contar cun punto de venda"
Das mans dos usuarios de Aspnais saen produtos variados que chegan aos seus destinatarios por distintas vías. Algunhas das cerámicas que realizan no seu taller fanse por encargo para servir, posteriormente, de premio nalgún certame ou de agasallo institucional do Concello, por exemplo.

Iso mesmo, as velas, os gravados os xabóns ou os pratos de polbo —que fan de cero no taller de madeira e de todos os tamaños e agora, ademais, gravan con distintas inscricións que poden personalizarse— son encargados por moitos particulares para obsequiar aos invitados a unha voda ou a unha comuñón.

Noutro taller de acabado, os usuarios dedícanse a realizar encargos específicos de empresas. Por exemplo, onte gravaban pratos de madeira para Gadisa e empaquetaban 6.000 parafusos a dez unidades por bolsita para Ferros Ferreiro. O presidente de Aspnais, José Reigosa, explica que eses encargos, eran antes máis numerosos pero, tras a pandemia, reducíronse.

"Gustaríanos contar cun punto directo de venda dos nosos produtos", asegura Reigosa, que apunta á pequena construción ás portas das instalacións (que agora se utiliza para gardar ferramentas de xardinería) como o lugar ideal. "Xa pedimos < strong>Deputación
que nos ceda o uso", asegura, pero polo momento non obtiveron resposta.

Defende que sería unha localización perfecta para dar visibilidade ao traballo que realizan diariamente os usuarios de Aspnais.

Comentarios