Asisten unha muller de 70 anos que se desorientou na Avenida da Coruña

A Policía Local tamén auxiliou nas inmediacións desta rúa un mozo que, aparentemente, sufría unha crise de ansiedade
Patrulla de la Policía Local. AEP
photo_camera Un vehículo da Policía Local de Lugo. ARQUIVO

Ás 20:45 horas deste martes día 3 unha patrulla acudiu a unha farmacia da Avenida da Coruña por unha muller de 70 anos que se atopaba desorientada. Manifestou que saíra do seu domicilio para ir a unha botica próxima e non sabía regresar porque levaba pouco tempo en Lugo, indicou a Policía Local. 

A muller non era capaz de facilitar o seu nome completo, nin datos de familiares, nin o seu domicilio, polo que os axentes realizaron investigacións coa Policía Nacional, Garda Civil e Sergas, que resultaron "infrutuosas"

Finalmente, cos "poucos datos característicos da contorna do seu domicilio", destacan as mesmas fontes policiais, os axentes foron capaces de localizalo, onde a esperaba un familiar, que se fixo cargo da septuaxenaria. 

Outro auxilio na Avenida da Coruña

Tamén á 1:10 horas deste mércores día 4 trasladouse unha patrulla ás inmediacións da parte traseira dun edificio da Avenida da Coruña onde, segundo unha chamada telefónica, unha persoa necesitaba axuda. 

Unha vez no lugar, os axentes comprobaron que se trataba de un mozo que, aparentemente, sufría unha crise de ansiedade, e estaba acompañado dunha amiga. Ao declinar recibir asistencia médica, os policías permaneceron no lugar ata que o mozo conseguiu tranquilizarse e ausentouse coa súa amiga.

Comentarios