Así foi a despedida de Miguel Couto como concelleiro

A oposición encomiou especialmente o traballo e o carácter dialogante do xa exconcelleiro 

photo_camera O pleno municipal deste xoves. CONCELLO

Se é verdade que neste país o único xeito de que recoñezan os teus méritos é morrer, Miguel Couto tivo o privilexio de asistir este xoves ao seu enterro, polo menos como concelleiro. O xa exedil de urbanismo recibiu o afago unánime de todos os grupos do pleno, especialmente significativos no caso da oposición, pero se despediu sen ofrecer ningunha explicación á súa marcha, máis aló do que supón o inicio dunha nova etapa.

"Foi unha honra para min formar parte desta corporación nuns momentos tan difíciles", afirmou Couto nun ton cariñoso e sentido, pero matizado pola distancia das conexións virtuais. Nunha brevísima intervención, agradeceu á alcaldesa, Lara Méndez, "a confianza que depositou en min", aínda que non aclarou que foi o que finalmente rompeu esa confianza entre ambos.

O desacordo nos últimos nomeamentos dos xefes de servizo da súa área segue sendo, entón, a principal hipótese para a repentina renuncia dun dos membros do goberno mellor valorados. Couto tamén se dirixiu aos portavoces de PP, Cs e BNG: "Grazas polas vosas palabras sobre o meu traballo, que intentei facer con moita paixón e dedicación e co único obxectivo de favorecer os intereses dos lugueses e de Lugo, que é o que me motivou a participar, colaborar polos demais". 

Antes, Olga Louzao, en nome de Cidadáns, desexáralle "moita sorte" e agradeceulle "o seu labor urbanístico. Sempre tivo a man tendida connosco para dialogar e facilitarnos información, algo ao que non estabamos acostumados neste Concello. Puxo empeño, traballo e paixón", dixo a portavoz de Cs.

Non menos considerado foi o popular Ramón Carballo: "É importante que haxa xente así en política, onde se agradece ter capacidade de traballo, de diálogo e as ideas claras. Sempre soubeches responder ás nosas preguntas sabendo do que falabas, non o facías de ouvidas. As nosas desculpas se algunha vez te ofendemos no debate político con palabras inapropiadas".Miguel Cuto con Lara Méndez. AEP

GOBERNO. O nacionalista Rubén Arroxo tamén se sumou ao coro e cualificou como "un pracer" poder traballar con Miguel Couto, pero foi Lara Méndez a encargada do último réquiem.

A alcaldesa parecía realmente afectada, aínda que é certo que o estivo durante todo o pleno. Méndez, aínda sen reincorporarse ao seu despacho a causa do covid, mostrou signos evidentes do paso da enfermidade: voz débil, palidez, suores, rostro canso e tose frecuente.

"Grazas infinitas, Miguel", dixo Méndez, "porque desde a nosa primeira conversa no meu despacho diches o si sen pensalo. Foron dous anos duros de traballo e dedicación desde o minuto cero. Só podo expresar ou meu agradecemento pola túa labor en beneficio da cidade de Lugo e das persoas". A rexedora desexou ao seu excolaborador sorte nesta nova etapa. As portas do Concello, tanto profesional como persoalmente, estarán abertas para ti despois destes dous anos de dedicación exclusiva en corpo e alma".

Tras estas palabras, o pleno declarou o seu pésame oficial polo recente falecemento do que foi empregado municipal José Díaz Gómez, do servizo de augas. E finalizou o enterro. 

REACCIÓNS
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo: "Grazas infinitas, Miguel, foron dous anos moi duros de traballo e dedicación desde o minuto cero"

Ramón Carballo, portavoz do PP: "É importante que haxa xente así en política, con capacidade de traballo e de diálogo e as ideas claras" 

Olga Louzao, portavoz de Cidadáns: "Sempre tivo a man tendida connosco, algo ao que non estabamos acostumados neste Concello" 

Rubén Arroxo, portavoz do BNG: "Quero sumarme ás palabras de apoio que se dixeron. Foi un pracer poder traballar en colaboración contigo"