As aseguradoras adiantarán fondos para recuperar a actividade industrial

Prevén que pasen anos antes de que se estableza a responsabilidade civil polo desastre

DCIM\100MEDIA\DJI_0012.JPG
photo_camera A zona afectada polo lume. EP

Os danos que deixa o incendio do Ceao sumarán moitos millóns, pero tardarase en cuantificar o impacto económico da catástrofe. Por diante quedan moitas peritaxes e longas batallas para dirimir responsabilidades. Pero o primeiro é salvar as empresas tras o dano sufrido. 

Os representantes das principais compañías aseguradoras das empresas afectadas estiveron este domingo no polígono e algúns xa aseguraron que o diñeiro chegará de forma inmediata para garantir que as empresas poidan seguir funcionando. 

Marisa Pájaro, da compañía Allianz Lucusgal, aseguraba que os empresarios cobrarán e que se lles facilitarán as cousas para que poidan reiniciar a actividade de forma inmediata. 

Os peritos empezan este luns a traballar para avaliar os danos que causou o lume

A Francisco Dorado, por exemplo, dicíalle que busque xa unha nave, que o diñeiro vai chegar. O problema pode ser, máis que a liquidez, a dispoñibilidade de naves que se axusten ás necesidades das empresas afectadas. 

Os peritos das aseguradoras estarán este luns traballando no polígono e darase a eses informes toda a prioridade que sexa necesaria. Non se van a escatimar esforzos, dicía Pájaro. 

Pero o afán por axudar os clientes a seguir adiante non evita que por diante quede un longo proceso ata que se determinen as responsabilidades pola catástrofe económica vivida. 

O primeiro paso antes de fixar responsabilidades é esperar o informe dos bombeiros sobre o ocorrido no polígono industrial

Primeiro haberá que esperar ás conclusións sobre os motivos do incendio. Serán os informes dos bombeiros os que deberán establecer onde e como se iniciou o lume. E despois haberá que avaliar tamén a resposta ante o lume

"Hai que establecer a responsabilidade civil", sinalaba Pájaro, que recoñecía que ese proceso quizais non sexa rápido, xa que implica que o seguro do responsable de todos os danos se faga cargo de todos os custos e resarza o resto de aseguradoras do diñeiro que xa adianten. 

Algúns dos empresarios máis afectados, en tanto, dicían que teñen actualizadas as pólizas e confiaban en que chegue xa o diñeiro para recuperar a actividade.

Indemnizacións | As compañías pagan tres millóns ao ano
O sinistro rexistrado este domingo no Ceao vai disparar as indemnizacións que pagan anualmente de media as aseguradoras en Lugo. Segundo o último informe, as compañías abonan en Lugo unha media de tres millóns ao ano por incendios. 

Outra dimensión 
Os incendios son unha das incidencias máis frecuentes polas que deben responder as compañías. En Lugo prodúcese, de media, un lume cada cinco horas. 

De media hai 150 incendios ao mes, pero o impacto económico non ten nada que ver co vivido este domingo, pois o custo medio rolda os 1.664 euros.