Asaltan unha gasolineira na Campiña e subtraen un botín de 3.400 euros

Os ladróns accederon ao interior das instalacións de madrugada, tras forzar unha porta, e levaron todo o diñeiro da recadación. As cámaras de seguridade gravaron o suceso
La gasolinera asaltada en A Campiña. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera La gasolinera asaltada en A Campiña. VICTORIA RODRÍGUEZ

Dous descoñecidos asaltaron hai uns días unha gasolineira sita na estrada N-640, na zona de strong <>A Campiña, e subtraeron un botín que ascendeu a 3.400 euros.

Os feitos ocorreron na noite do domingo ao luns, cando dúas persoas estacionaron un vehículo no recinto e accederon ao interior das instalacións –cando a estación de servizo estaba pechada ao público– tras forzar unha porta, supostamente cunha pata de cabra.

Unha vez dentro, os ladróns dirixíronse á caixa rexistradora e apoderáronse de todo o diñeiro da recadación do día anterior, que ascendía a un total de 3.400 euros. Tras facerse co diñeiro, os delincuentes abandonaron as instalacións e fuxiron nun vehículo de cor branca, tal e como quedou rexistrado nas gravacións das cámaras de seguridade da gasolineira.

Os asaltantes cometeron o roubo en poucos minutos e ocasionaron danos nunha porta metálica, así como no computador e no caixón electrónico no que se gardaba o diñeiro.

O responsable da estación de servizo denunciou os feitos na comisaría da Policía Nacional de Lugo, que visionó as gravacións das cámaras de seguridade e abriu unha investigación para localizar canto antes aos autores do asalto.

Precedentes: outro asalto hai cinco anos

Esta gasolineira xa sufrira outro asalto hai xusto cinco anos, en xaneiro de 2019, aínda que naquela ocasión, os ladróns actuaron cando a instalación se atopaba aberta e deixaron atado ao encargado.

Os ladróns entraron entón na estación de servizo e exhibíronlle ao traballador un coitelo de grandes dimensións. Un dos asaltantes colocoulle o coitelo no pescozo ao empregado e díxolle: "Isto é un atraco; non te poñas nervioso e non vaias facer nada, que che mato". Ademais, obrigoulle a tirar o seu teléfono móbil ao chan e ordenoulle que abrise a caixa rexistradora. Acto seguido, levou todo o diñeiro da caixa rexistradora, que sumaba un total de 1.200 euros.

Co botín no seu poder, os ladróns acompañaron ao refén ata a caixa rexistradora da zona da cafetería e atárono a unha cadeira de pés e mans cunha cinta adhesiva.

Naquela ocasión, a Policía Nacional arrestou ao autor do roubo, que ingresou en prisión tan só catro días despois do suceso. O home –que xa tiña antecedentes por outros roubos con violencia– foi xulgado en febreiro de 2020 no Penal número 2 de Lugo, onde recoñeceu os feitos que se lle imputaban e aceptou unha condena de tres anos e medio de cárcere. Ademais, foi condenado a indemnizar ao propietario da gasolineira e tamén ao empregado polos días que tardou en recuperarse. Para este último, o ministerio fiscal fixou unha cantidade de 2.635 euros, xa que tivo que estar corenta días tomando ansiolíticos. O seu colega non chegou a ser identificado, xa que cometeu o asalto coa cara completametne tapada.

Outra estación de servizo, atracada hai tres meses na Louzaneta

Outra estación de servizo da capital, sita en A Louzaneta, foi atracada hai tres meses, a finais de outubro do pasado ano. Tres asaltantes entraron nas instalacións coa cara parcialmente tapada e ameazaron ao traballador cun coitelo de grandes dimensións, ao mesmo tempo que abrían a caixa rexistradora e apropiábanse de todo o diñeiro da recadación.

Os tres ladróns saíron das instalacións e comprobaron que outro colega, que os esperaba nun coche para darse á fuga, marchouse sen eles, polo que fuxiron a pé. Foron detidos pouco despois.