As portas que abre a FP

Tres alumnos das Mercedes recibiron premios, atoparon traballo e accederon á universidade

CIFP As Mercedes de Lugo. J. VÁZQUEZ
photo_camera CIFP As Mercedes de Lugo. J. VÁZQUEZ

Tempo, traballo e esforzo. A Formación Profesional supón unha suma destes tres elementos, aínda que en ocasións está infravalorada e preséntase como a irmá pequena dos estudos universitarios.

Porén, nos últimos anos esta tendencia está mudando, xa que moitas empresas buscan traballadores cunha formación máis práctica e, por tanto, máis próxima á Formación Profesional.

Á hora de escoller estudos, sempre hai quen prefire a FP, e así foi no caso de Alba Dono, Adrián Fernández e Marta López. Estes tres rapaces estudaron no centro lucense das Mercedes e o seu rendemento foi oficialmente recoñecido pola Consellería de Educación, que premiou os 20 mellores expedientes co premio extraordinario de Formación Profesional. Este recoñecemento vai acompañado dunha gratificación económica de 850 euros.

Cada un deles ten a súa propia historia, xa que proveñen de diferentes lugares de Galicia e teñen idades diferentes.

As Mercedes e o Politécnico son os dous únicos Centros Integrados de Formación Profesional que hai actualmente na cidade de Lugo

Alba Dono, de 29 anos de idade, accedeu a FP a través da universidade e tras rematar a carreira de Filoloxía. A pesar de que Lugo non era a súa primeira opción para estudar o grao superior de Márketing e Publicidade, non se arrepinte de facelo, xa que "grazas a el atopei traballo no campo que a min me gustaba". Ademais, considera que estes estudos son recomendables, xa que "con todo a ser un ciclo de só dous anos, permíteche coñecer moitas cousas e facer un pouco de todo".

Adrián Fernández, de 27 anos, estudou o grao superior de Mantemento Aeromecánico nas Mercedes "porque é o único centro galego que oferta estes estudos". Na actualidade xa traballa no sector, pois fixo "as prácticas nunha empresa e ao rematalas decidiron contratarme". Para este alumno, o ciclo "é moi bonito e interesante para alguén a quen lle guste a mecánica". Por agora, non se plantexa seguir estudando, pero "nun futuro nunca se sabe", di Adrián.

Marta López, de 21 anos, trasladouse dende Lalín a Lugo para estudar o ciclo de Mantenemento de Instalacións Térmicas e de Fluídos, porque "me falaran moi ben deste centro" e "quería utilizar a FP para acceder á universidade", explica. Agora esta moza estudao a carreira de Enxeñería Eléctrica na Universidade de Vigo.

As Mercedes e o Politécnico son os dous únicos Centros Integrados de Formación Profesional que hai actualmente na cidade de Lugo. Porén, poden cursarse estudos de FP noutros institutos como, por exemplo, o Sanxillao ou o Muralla Romana.