As farmacias, a eficiente liña de defensa ante o virus

Os 183 establecementos da provincia continúan co seu labor logo da avalancha de clientes producida pola escasa información inicial sobre o contaxio e a propagación do Covid-19
Interior de una farmacia. SEBAS SENANDE
photo_camera Interior dunha farmacia. SEBAS SENANDE

Conforman xunto aos sanitarios a primeira liña de defensa contra o Covid-19. Os farmacéuticos intensifican a loita fronte á pandemia con todos os medios cos que contan, que en ocasións se mostran escasos.

O desabastecemento de moitas delas en produtos como as máscaras de protección, as luvas de látex ou as solucións hidroalcohólicas aínda é patente, aínda que a confusión entre moitos cidadáns sobre os protocolos a seguir para cercar o virus fan dos profesionais de farmacia un dos primeiros recursos aos que acode a poboación para informarse en casos tan excepcionais como os que se desenvolven na actualidade.

O caos das dúas primeiras semanas de corentena deu paso á volta a unha relativa tranquilidade no interior das 183 farmacias da provincia de Lugo. As colas xa non son tan xeneralizadas parar facer provisión de medicamentos e produtos de hixiene.

→ Colexio de Farmacéuticos
Alejandro Sánchez Pérez-Mel, presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo, considera que a situación actual nas farmacias normalizouse logo dos primeiros días, aínda que os produtos máis demandados por todos como máscaras ou luvas de protección non chegan, non hai stock”, manifesta Sánchez, quen ademais é titular dunha farmacia en Rábade.

Tamar Troncoso: "Estamos indignados. O Goberno non nos deu material de protección porque dicía que eran riscos da profesión"

Alejandro Sánchez móstrase “optimista” respecto ao final desta situación de estado de alarma. “Estou seguro de que con todas as medidas que toma o Goberno controlarase a pandemia pronto”, recalcou.

Sánchez Pérez-Mel tampouco notou un aumento de novos clientes durante o inicio da crise sanitaria. “Normalmente son sempre os mesmos clientes os que veñen, a maioría son clientes habituais do pobo e arredores”, matizou.

Con todo, Pérez-Mel subliñou nunha mensaxe tranquilizador que “non hai ningún problema de desabastecemento de medicamentos” e asegurou que a situación “é totalmemte normal”. Por iso, insistiu en solicitar á xente “que non trate de facer provisión de medicamentos” ao considerar que “non vai ser necesario”, afirmou.

Alejandro Sánchez tamén quixo facer un chamamento á cidadanía para que cumpra as normas de hixiene “como separación dun metro ou metro e medio, e que esperen a ser atendidos fóra dos establecementos”.

→ Indefensión
Milagros Seoane é a colexiada que se atopa á fronte da Farmacia Seoane en Vilalba, e viu un incremento notable de xente “nas dúas últimas semanas. Agora afortunadamente a tolemia dos primeiros días xa se acougou”, asegura.

Milagros Seoane: "Moitas farmacias vivimos unha situación de indefensión total. Usamos proteccións só desde o luns"

Segundo a opinión de Seoane, outra dos labores esenciais que realizan os profesionais do sector é “a de tranquilizar e informar á xente. Aos nosos clientes aconsellámoslles o que deben facer nesta clase de situacións, porque son eles os que veñen primeiro ás farmacias, incluso antes que aos centros de saúde, que agora están baixo mínimos”.

A farmaéutica vilalbesa denuncia tamén “a indefensión coa que nos atopamos nas farmacias ante esta situación. Nós mesmas tivemos que colocar valos de separación entre os clientes e o mostrador por seguridade e ata o luns non puidemos usar nin máscaras nin luvas. Por fortuna, estaba a reservalos para ese día”, admite Seoane quen desde fai 10 anos dirixe esta farmacia en Terra Chá.

→ Decepción e indignación
Tamar Troncoso, titular da Farmacia Rego Lodos, superou as dúas primeiras semanas de inmensas colas ás portas do seu local e “agora a xente xa non se apiña na entrada ás mañás, pero si hai unha afluencia grande durante todo o”día , á vez que asegura que “ao contrario do que publicaron algúns medios, as farmacias estamos abastecidas de medicamentos”, comenta.

Alejandro Sánchez: "A miña opinión persoal é que se se cumpren as medidas ditadas polo Goberno pronto se acabará esta pandemia"

Incluso o stock máis demandado está cuberto na súa farmacia. “Xa volvemos ter máscaras das máis básicas, luvas e xel desinfectante en pequenas cantidades”, manifesta.

Tamar Troncoso tamén sente decepcionada e indignada, do mesmo xeito que todo o colectivo farmacéutico, coa actitude que tomou o Executivo cara a este sector. “Ao comezo da pandemia, o Goberno central non nos forneceu material de protección porque dicían que eran riscos propios da nosa profesión. Teño a varios empregados ao meu cargo e non podiamos traballar así, a pesar de contar cun biombo protector”, conclúe molesta esta profesional de farmacia.

Comentarios