Arroxo será primeiro tenente de alcalde e levará mobilidade e infraestruturas

Maite Ferreiro levará cultura, turismo e promoción da lingua

Rubén Arroxo. J. VÁZQUEZ (AEP)
photo_camera Rubén Arroxo. J. VÁZQUEZ (AEP)

O nacionalista Rubén Arroxo será primeiro tenente de alcalde, e farase cargo da vicealcaldía, mobilidade e infraestruturas, co apoio de Alexandre Penas como concelleiro delegado da parte concreta de infraestruturas urbanas. 

Así o anunciou en rolda de prensa, arroupado por todo o grupo do BNG no Concello de Lugo, para dar a coñecer as áreas que levarán cada un dos cinco concelleiros no goberno bipartito. 

Maite Ferreiro tamén será tenente de alcalde e "estará na xunta de goberno", levando cultura, turismo e promoción da lingua, con Felipe Rivas como concelleiro delegado da "parte de educación e difusión do coñecemento". 

Cristina Fernández contarán con outra "tenencia de alcaldía", a que antigamente se chamaba servizos xerais e "que agora será participación e servizos para a veciñanza", onde se inclúe a xestión do mercado municipal e o cemiterio.

GARAÑÓN. Ante a reivindicación da asociación das Costas do Parque, para que se apure a demolición das torres do Garañón, paralizadas e investigadas pola xustiza, Arroxo mostrouse partidario facelo torres e comprométese a facelo neste "mandato". 

Outro dos retos que enfrontará o novo "cogoberno" é a peonalización da rolda da Muralla, empezando a aplicar este modelo desde a zona da Mosquera. 

Finalmente, Rubén Arroxo avanzou que probablemente a próxima semana se celebre o pleno de organización, onde quedará reflectido a repartición de áreas entre ambos os socios de goberno na cidade de Lugo.

Comentarios