Arroxo e López animan a cooperativa A Carqueixa a obter un posto na Praza de Abastos

A cooperativa vén de ser recoñecida co premio Aresa de desenvolvemento rural polo seu proxecto de venta online
Visita á Praza de Abastos. EP
photo_camera Visita á Praza de Abastos. EP

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López,  visitaron a Praza de Abastos acompañados por integrantes da cooperativa A Carqueixa, que vén de ser recoñecida co premio Aresa de desenvolvemento rural polo seu proxecto de venta online. A edil de Participación explicoulles o procedemento para obter un posto e dixo agardar "que desde A Carqueixa mostren interese en formar parte do proxecto da Praza e do Mercado de Lugo, onde en breves van comezar a distribuír produtos aos comercios de alimentación".

O obxectivo é chegar a ter a totalidade dos postos da raza e do mercado ocupados e con funcionamento. Cristina López explicou que "estas instalacións están pensadas para atopar produtos de primeira calidade, no que as persoas reciben a atención persoal das distintas profesionais de cada posto".

A edil de Participación destacou as distintas accións que se están a levar a cabo para promocionar a Praza e o Mercado Municipal, como a campaña de promoción das instalacións e a reforma que se está a levar a cabo no soto, "que permitirá poñer en marcha propostas como postos de degustación de productos".

A cooperativa A Carqueixa conta na actualidade con 200 socios. O proxecto baséase no compromiso coa calidade, tendo toda a carne producida o selo de Ternera Galega Suprema, con moitas das explotacións adicándose á trashumancia, alimentando aos animais de xeito totalmente natural, e ao aire libre, co que colaboran co mantemento dos montes limpos, o que reduce o risco de incendios. Ademais, a actividade contribúe a fixar poboación no rural e ao crecemento económico sostible da zona. O seu proxecto de venta online vén de facela gañadora do premio Aresa de desenvolvemento rural.

Comentarios