Arroxo pide á Xunta que abra o aparcadoiro do Multiusos polas tardes

A área nacionalista do goberno pide así que se facilite o aparcadoiro na cidade, cando menos afecta á xornada laboral do persoal da Administración autonómica
Edificio multiusos de la Xunta en Lugo. AEP
photo_camera Edificio multiusos de la Xunta en Lugo. AEP

O primeiro tenente de alcaldesa e portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo, pide á Xunta que abra ao público o aparcadoiro do edificio Multiusos en horario de tarde para paliar a perda de prazas que se produciu ao pecharse o aparcadoiro que tiña Adif á beira da estación de tren. Arroxo informou de que fará esta petición por escrito a Javier Arias en canto sexa nomeado de novo delegado da Xunta en Lugo. 

O estacionamento de Adif pechouse hai unhas semanas, cando comezaron os traballos para construír a estación intermodal. Dispuña dunhas 180 prazas que eran moi usadas. 

A raíz do peche deste espazo, a alcaldesa, Paula Alvarellos, anunciou que se habilitarían prazas de forma temporal eliminando un dos carriis de circulación do viario que une Serra de Meira con Paradai. Serán ao redor de medio centenar, aínda que de momento non están dispoñibles.

Por esa razón, agora a área nacionalista do goberno insta á Xunta a que faga a súa achega para facilitar o aparcadoiro na cidade, en horario de tarde, cando menos afecta á xornada laboral do persoal da Administración autonómica. 

"A Xunta pode colaborar para reducir as molestias que produce a obra dá estación de tren", afirma Arroxo, quen recorda que tamén o Concello de Lugo unha medida similar xa hai anos. Puxo a disposición dos condutores o aparcadoiro das oficinas municipais do antigo Seminario polas tardes e os fins de semana.

O BNG tamén pediu esta semana á Xunta que faga o mesmo cos aparcadoiros dos institutos de Ramón Ferreiro e de Formación do Profesorado. Ambas son demandas que o Concello vén tempo facendo. No caso do Multiusos, a Xunta di que é inviable porque o aparcadoiro está conectado por dentro coas oficinas. O goberno local replica que pode adoptar medidas de seguridade, como fixo o Concello no aparcadoiro do Seminario.