Arroxo perfila con guías de turismo a proxección futura da Mosqueira

O tenente de alcalde defendeu que será un atractivo turístico para quen visiten Lugo e destacou que se xerará unha gran praza que será un espazo multiusos
Arroxo, en A Mosqueira con guías de turismo. EP
photo_camera Arroxo, en A Mosqueira con guías de turismo. EP

Un espazo inmediato á muralla e contiguo á estación de autobuses que xa está definido é o de A Mosqueira e o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, visitou este venres a zona con guías de turismo de Lugo para presentar a que será unha das principais zonas peonís da cidade, con escaparate cara a un dos puntos máis icónicos do monumento romano.

Arroxo defendeu que A Mosqueira será un atractivo turístico para quen visiten Lugo e destacou que se xerará unha gran praza que será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de lecer, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista de Eloy Maquieira.

O tenente de alcalde invitou aos guías a empezar a incluír A Mosqueira nos percorridos turísticos que realizan pola cidade e apuntou que, a maiores do interese patrimonial e de lecer que vai ofrecer ese espazo, o fin das obras vai permitir ter tamén unha mellor perspectiva nocturna do monumento.

Esa mellora lograrase grazas ao novo sistema de iluminación ornamental, que pasa de estar ancorado no chan a ir soportado por báculos, o que garantirá unha visión mellor da rechamante estampa da muralla nesa zona.

O Concello ten a perspectiva de que a reforma da zona da Mosqueira estea lista en abril e neste momento practicamente só falta concluír o proxecto de axardinamento e a extensión da obra ao primeiro tramo da Praza Mártires de Carral.

Comentarios