Arroxo di que o centro histórico se converterá nunha zona de baixas emisións

Estas áreas serán obrigatorias a partir do 1 de xaneiro de 2023 en todas as cidades con máis de 50.000 habitantes  Estará restrinxido o acceso a todos os vehículos salvo para residentes e outras excepcións
Arroxo, en una imagen de archivo. EP
photo_camera Arroxo nunha imaxe de arquivo. EP

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, explicou que o interior da muralla será unha zona de baixas emisións, unha obrigación que estará recollida na nova Lei de Cambio Climático para o 2023. Recordou que xa se está convertendo nunha área con esas características ao ter gran parte das súas rúas peonís.

"Desde o goberno de Lugo continuamos avanzando nunha cidade máis sostible, reducindo a contaminación ocasionada polos vehículos a motor, e cumprindo cos obxectivos internacionais de sostibilidade", dixo.

As zonas de baixas emisións serán obrigatorias a partir do 1 de xaneiro de 2023 en todas as cidades con máis de 50.000 habitantes. Nelas estará restrinxido o acceso a todos os vehículos excepto para residentes, vehículos de urxencias, transporte público e servizos.

Arroxo tamén apuntou que a diminución do tráfico percíbese tamén na Ronda, "onde se reduciu a circulación en 30.000 vehículos ao mes con respecto ao 2019", dixo. Segundo explicou, esta permitiu evitar a emisión de 20 toneladas de CO² cada mes.

Ademais, tamén avanzou que as novas liñas de transporte público contribuirán a que aínda sexan menos os vehículos en circulación polas rúas de Lugo porque haberá "mellores frecuencias e conexión con máis zonas da cidade". Todas esas medidas, segundo dixo, facilitarán crear a zona de baixas emisións.

Comentarios