Arroxo, sobre os cambios na Mosqueira: "Estamos a construír o Lugo do futuro entre todos"

O tenente de alcalde defende que os veciños "adaptámonos en tempo récord"
Rubén Arroxo, este xoves xunto a outras autoridades na rúa Anxo López Pérez. CONCELLO
photo_camera Rubén Arroxo, este xoves xunto a outras autoridades na rúa Anxo López Pérez. CONCELLO
O tenente de alcalde e responsable da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, destacou a boa adaptación da veciñanza aos cambios de tráfico na contorna da Mosqueira. Arroxo declarou que "as veciñas e veciños de Lugo adaptámonos en tempo récord ao cambio máis grande que a mobilidade experimentou en Lugo nos últimos anos".

"Esta semana demos un paso adiante para construír entre todas e todos o Lugo do futuro, unha cidade cunha mobilidade moito máis amable coas persoas e co medio ambiente e con menos vehículos nas rúas", afirmou Rubén Arroxo.

O edil de Mobilidade agradeceu tamén o traballo realizado por todo o persoal que estivo implicado nas modificacións de tráfico e nos proxectos de peonalización da Mosqueira e de renovación das liñas de bus. Arroxo destacou a "profesionalidade e a capacidade de traballo" dos traballadores municipais para levar adiante estes proxectos que deixarán pegada na cidade.

Ademais, dende o Concello defenden que o número de usuarios do transporte público aumentou no primeiro día de funcionamento das novas liñas. A comparación entre o martes 25 de maio e o martes 1 de xuño mostra unha subida de máis de 1.300 usuarios, pasando de 6.335 o martes 25 a 7.661 o pasado martes día 1. Os cambios de tráfico aplicados na contorna da Mosqueira permitiron crear preto dun cento de prazas de estacionamento a poucos minutos do centro, recorda o goberno local nun comunicado.

Comentarios