Arrestado por amedrentar aos seus veciños en Garabolos

Profería ameazas verbalmente e manipulaba unha navalla nas zonas comúns do inmoble

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron a un mozo que, supostamente, tiña amedrentados a todos os veciños da comunidade na que residía, na zona norte da cidade de Lugo, por mor das súas ameazas e da súa actitude violenta.

Segundo informou a propia Comisaría Provincial, o pasado 3 de outubro unha veciña do barrio de Garabolos presentouse nas dependencias policiais para denunciar que un dos seus veciños tiña “amedrentados a todos os inquilinos do inmoble” no que vivía.

De feito, á persoa coa que convivía e da cal non é parella quitáballe "as súas pertenzas e diñeiro” mediante “ameazas”.

Ao recibir esa denuncia, axentes da Policía Nacional realizaron as investigacións e “comprobacións necesarias”, que terminaron coa “detención desta persoa por un delito de ameazas e roubo con violencia e intimidación”.

Os axentes que se fixeron cargo do caso comprobaron que, ademais das ameazas “vertidas verbalmente”, era habitual “velo nas zonas comúns do inmoble” mentres manipulaba “unha navalla”.

De feito, varios inquilinos dese inmoble decidiran "abandonar as súas vivendas", informa a Policía Nacional, porque a situación se volveu “insostible”. “O que nun principio foron uns ruídos esaxerados” e escándalos que “privaban do descanso necesario” aos demais veciños, acabou en "ameazas” graves.

Unha vez detido e completadas as dilixencias de investigación, o sospeitoso foi posto a disposición da autoridade xudicial, que decretou o seu ingreso en prisión.