Arias pídelle a Otero que se desculpe por chamarlle "machista" e ela aclara que non se refería á persoa

"Ofrézolle integrarse na miña executiva como secretaria de Pesca", indicou o candidato á Secretaría Xeral do PSdeG

Xosé María Arias. VICOTRIA RODRÍGUEZ
photo_camera Xosé María Arias. VICOTRIA RODRÍGUEZ

Os dous candidatos a ocupar a Secretaría Xeral do PSdeG na provincia de Lugo continúan cos cruces de declaracións o alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, pediulle este xoves á deputada autonómica Patricia Otero que se desculpe por chamarlle "machista", despois de que el dixese que a súa candidatura está teledirigida.

"Non creo que diga ningunha palabra para merecer ese cualificativo", dixo Arias, quen opina que esas declaracións de Patricia Otero están fóra de lugar, polo que lle pediu á outra candidata que o chame e que lle pida desculpas.

"Abonda con que me chame e dígame: Desculpa Xosé María, foi un lapsus", precisou o alcalde de Castroverde.

Segundo Arias, "a partir do día 20" ambos os candidatos daranse "un abrazo" e poranse a traballar, gañe quen gañe, "no proxecto común" do PSdeG, que pasa por chegar a gobernar na Xunta de Galicia" a partir das eleccións autonómicas do próximo ano.

En calquera caso, Arias tamén tirou de ironía para responder a Patricia Otero, que lle ofreceu este mércores a posibilidade de sumarse á súa executiva como secretario de Medio Rural.

"Agradézollo", dixo Arias, e "tamén lle ofrezo a ela integrarse na miña executiva como secretaria de Pesca".

Patricia Otero, pola súa banda, aclarou que ela non empregou o termo machista para referirse a Arias senón ao seu comentario.

Comentarios