A Apec estima en catro millóns o impacto do parón da construción

As empresas asumiron os custos salariais dos case 5.000 traballadores da provincia

Tras decretar o cesamento de todas as actividades non esenciais o 29 de marzo, o Goberno aprobou no Consello de Ministros a continuación, a partir deste xoves 9 de abril, das actividades que viñan operando durante a declaración do estado de alarma inicial. O novo decreto suporá a reactivación, entre outros, do sector da construción, que quedara paralizado desde o pasado 30 de marzo.

Este parón, segundo calculou a Asociación de Empresarios da Construción de Lugo, supúxolle ás empresas do sector un custo de 4 millóns de euros entre salarios e pagos á seguridade social. O seu xerente, Eugenio Curral, explica que esta crise provocada pola pandemia do coronavirus demostra que o da construción é un sector “moi maltratado, porque na primeira semana díxosenos que tiñamos que traballar, non que podiamos traballar, porque había que manter sectores produtivos, e dun día para outro se refire ao decreto do 29 de marzo—atopámonos con que ese luns non o podiamos facer”.

Curral asegura que as medidas adoptadas polo Goberno tomáronse “a bulir, con precipitación e sen ningún sentido”, e que afectaron ás empresas, que non tiveron tempo material para organizar este parón da actividade.

“Preto de 5.000 traballadores pasarán automaticamente a cobrar permiso retributivo, é dicir, que os empresarios afrontaron co seu diñeiro unhas cantidades moi elevadas. Falamos de oito xornadas, que se traduce en catro millóns de euros que afrontaron sen un só ingreso”, explica o xerente da Apec.

Curral aseguran que retomarán a actividade a partir do martes día 14

Para Curral, esta crise derivou en que moitas empresas da construción atravesen, durante estas semanas, “situacións verdadeiramente dramáticas, porque non se pode perder de vista que en obra pública a dinámica das administracións foi a da poxa, as obras fanse con marxes moi limitadas e as empresas aínda se estaban a recuperar da anterior crise”.

En canto ás axudas anunciadas polo Goberno e o Concello, Curral sostén que moitas entidades bancarias “optan por outros sectores que non son os da construción” á hora de avalar os créditos do ICO que lanzou o Goberno. “Anunciaron 100.000 millóns, liberaron 20.000 e sabemos que hai peticións do dobre xa. E estamos na cola”, lamenta.

En relación co Concello de Lugo, Curral sinala agradecen o xesto, pero que as axudas anunciadas durante a pasada semana “é moi posible que non cheguen nin a final de mes, porque a mecánica burocrática é espantosa e a nosa noticia é que nin están aprobadas as bases da convocatoria”.

Con todo, Curral aseguran que retomarán a actividade a partir do martes día 14. “Pedimos axilidade nas axudas porque representamos a case o 8% dos traballadores da provincia”.

Comentarios