Antonio López (Reitor da USC): "O envellecemento do persoal é alarmante; a media de idade dos docentes é de 55 anos"

Foi un ano de "moito traballo" para o barreirense Antonio López. Tomou posesión como novo reitor da USC en abril de 2018 coa promesa de dinamizar as titulacións do campus, integrar a Universidade na cidade e renovar o persoal docente e administrativo. Varias destas medidas están xa en marcha e outras esperan no caixón para ser executadas
_49I4311
photo_camera O reitor da USC, diante da catedral de Lugo. SEBAS SENANDE

O REITOR DA USC, Antonio López, cumpre un ano no cargo con varios retos por diante como a reordenación da oferta docente coa implantación de novas titulacións, a renovación do persoal ou o refinanzamento da débeda.

As novas titulacións de cara ao próximo curso poden reimpulsar o campus de Lugo?

Seguimos sempre cunha orientación de novas titulacións que teñan que ver coa liña do campus e cos recursos dos que dispoñemos. De cara ao ano que vén hai unha aposta por Bioquímica, orientada no ámbito da facultade de Ciencias. Tamén Empresa e Tecnoloxía, para a facultade de Ade, que conecta cunha titulación clásica como é Administración e Dirección de Empresas, e cunha nova realidade que é todo o impacto das novas tecnoloxías na empresa. E logo Xestión e Difusión Cultural, onde se vai prestar máis atención ao ámbito da xestión da actividade cultural. Esa é a liña, encaixando os obxectivos do campus e sempre vinculados aos recursos que dispoñemos.

O grao de Robótica xerou certa polémica entre os campus de Vigo e Lugo.

Tivemos claro desde o primeiro momento que as tres universidades debían facer unha aposta que fose interesante para o sistema universitario galego. Parecíanos que a oferta de Robótica, aínda que haxa unha mención dentro do título de que está especialmente ligada ao sector agroforestal, era moito máis axeitada, máis atractiva e aberta. Cómo se resolven estas cousas? Falando e mirando cara adiante e non cara atrás. Esa é a forma de buscar solucións. Hai que tratar de compoñer os intereses de todos.

Polémica con Vigo: "Parecíanos que a nosa oferta de grao de Robótica era moito máis axeitada, máis atractiva e aberta para os estudantes"

Cales son as vías de acción para frear a perda de alumnado do campus?

Por un lado, con plans como o que levamos a cabo o venres coa Deputación para a renovación do convenio para o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) e campañas para dar a coñecer o campus, facelo atractivo e para axudar aos estudantes con facilidades para matricularse nas titulacións. Por outra banda están as cuestións de máis trascendencia, de máis calado, como é revisar a oferta docente. Temos títulos que non son atractivos e estudamos como podemos reformular unha oferta formativa para que sexa atractiva para os estudantes. É unha realidade á que estamos abocados. A realidade cambia moi rápido e a oferta formativa ten que adaptarse ás necesidades de cada momento.

Haberá máis reordenacións nos próximos anos?

Os mapas de titulacións están permanentemente abertos. Os graos esixen un nivel maior de permanencia, porque son estudos de catro anos, pero cun máster, que son estudos dun ano, temos que ser moi áxiles e reaccionar no momento para ver que novas realidades e perfís profesionais xurden.

Reordenación docente: "Cun máster temos que ser moi áxiles e reaccionar no momento aos novos perfís profesionais"

Hai certo envellecemento do profesorado? É necesario dar entrada a xente nova?

Certo envellecemento non, hai un envellecemento alarmante, tanto no Persoal Docente Investigador (PDI) como no Persoal de Administración e Servizos (Pas). Por poñer unha cifra, no PDI estamos ao redor dos 55 anos de idade media, que é unha cifra moi preocupante. Por iso aprobamos un plan plurianual que se compromete con esto pola vía de crear 140 prazas durante os próximos catro anos. Ten que ser o que introduza xente nova que permita unha renovación xeracional que é imprescindible.

Que opina da posibilidade de que Abanca promova a primeira universidade privada de Galicia?

A iniciativa privada en materia de universidades esta ahí, é unha realidade. O que pedimos é que o proxecto sexa avaliado, se analice co rigor que merece. A nosa Lei de Universidades esixe requisitos e cumprimento dunha serie de obxectivos, tanto en materia de recursos, como en materia de titulacións e investigacións. A segunda variable a ter en conta é que sexa un proxecto que mellore, que enriqueza o sistema universitario que agora compoñemos as tres universidades públicas. Se esto non pasa, ao mellor o que hai que facer é apostar pola universidade pública.

O polo aeronáutico de Rozas impulsará o interese polas titulacións técnicas en Lugo?

Lugo ten unha vinculación a través do Campus Terra co sector primario, pero eso non significa que non poida haber outras iniciativas. Non se cerra a porta de que, aproveitando as circunstancias e condicións como as que temos en Rozas, xurdan ofertas tecnolóxicas directa ou indirectamente relacionadas co sector primario. O armazón, tanto na docencia como na investigación no noso campus, ten un peso moi especial no sector primario, pero todas as actividades, na medida de que poidan ser interesantes para o campus, son ben recibidas.

Comentarios