Antonio de Castro: "Salvouse a fábrica de pinturas e iso permítenos seguir funcionando"

"Ardeu o traballo dunha parte da miña vida", di o xerente de Castro Parga, que está decidido a seguir adiante e xa busca naves para poder retomar a actividade de forma inmediata

Antonio de Castro, este domingo delante de la devastada nave de Castro Parga en O Ceao. XESÚS PONTE
photo_camera Antonio de Castro, este domingo diante da devastada nave de Castro Parga no Ceao. XESÚS PONTE

Antonio de Castro viu arder este domingo a empresa familiar á que dedicou toda a vida e, no medio da desolación, pensaba en como seguir adiante. "O máis importante é que se salvou a fábrica e iso permítenos seguir funcionando", aseguraba o empresario tras o grande incendio no polígono do Ceao

Na fábrica de pinturas o lume non entrou e esa instalación é un dos motores da empresa. De alí saen as pinturas Kromo, cun gran mercado en Galicia e que se distribúen tamén en Andalucía, Madrid e País Vasco. 

Pero o resto da actividade da firma quedou moi tocada. Antonio de Castro recoñecía vivir a traxedia cunha grande "impotencia", pero tamén contaba que estaba xa buscando algunha nave na que reiniciar a actividade. 

A empresa ten varias tendas en Lugo e en Galicia, pero o motor estaba no Ceao. De aí saía o material para fornecer todos os establecementos, recordaba. 

"Vivín isto con moita impotencia. A empresa creouna o meu pai en 1942 e eu dediqueille máis de 40 anos", di De Castro

Dicía ter a tranquilidade de contar cunha boa cobertura do seguro e, mirando cara aos traballadores, apiñados fronte á nave, aseguraba que o seu reto é que todos poidan volver traballar

Ao persoal, de feito, xa o convocou para este luns, para traballar na reconstrución, e contaba que o primeiro será revisar todos os sistemas informáticos que preservaban información fóra da sede, para valorar o impacto real das perdas, cuantiosas en todo caso porque a nave quedou completamente destruída e evaporouse todo o material que había dentro. Había moito, dicía, porque, como estaba a haber problemas de subministración internacional, decidiuse facer un gran stock para evitar problemas. 

Pero antes de poder reunir información para facer balance exacto do desastre, Antonio de Castro non podía evitar recoñecer que "ardeu o traballo dunha parte da miña vida". 

De Castro explica que "no Ceao estaban as oficinas, o almacén e o establecemento e desde aí distribuíase a todas as tendas da empresa" 

E non só iso, porque o lume levou por diante todo un legado. O empresario recordaba que a empresa creouna o seu pai en 1942, hai case 80 anos, e que el se incorporou á firma familiar nada máis saír da universidade. Dedicoulle á firma máis de corenta anos da súa vida, recordaba. 

A empresa segue sendo familiar, así que para todos supón un pau emocional o desastre, dicía De Castro, que recibiu o aviso de que a nave ardía ás oito da mañá. Avisouno o seu sobriño e contou que "cando me chamaron xa me supuxen que era grave. Cando che din que arde...". 

De Castro entrou na nave en canto se apagou o lume. Quería ver cos seus ollos a dimensión do desastre. Sobre a orixe só había hipóteses. "Terán que facer un informe os bombeiros. Sería un curtocircuíto ou algo así; algúns falaban da tormenta, pero foi pola tarde, así que o dubido", dicía o empresario.

José Manuel López: "Pensei que era un roubo e atopei oito bombeiros tirando auga como tolos" 
Os bombeiros controlan o lume en Dielectro. SEBAS SENANDE
A José Manuel López, delegado de Dielectro Industrial, espertouno a empresa que xestiona as alarmas. Segundo parecía, alguén entrara na delegación en Lugo de Dielectro Industrial, que el dirixe. "Vin para aquí ás nove e atopeime dentro unha chea de bombeiros tirando auga como tolos", recorda, "tiveran que forzar as fechaduras do enreixado de entrada e da porta do almacén para entrar. Había oito tíos aquí dentro e os camións fóra cargando as mangueiras". 

As chamas atacaron esta empresa de material eléctrico, fontanería e climatización pola parte de atrás, na súa maior parte cuberta con chapa. O lume entraba por unha das esquinas superiores tras dobregar toda a chapa metálica. José Manuel López asume que "haberá que mirar como está a parte de arriba porque o lume subía por aí, e baleiraron tres camións de auga, alagouse todo. Non sei o material que hai mollado". 

Tiveron que abrir todas as tapas de desaugadoiro do almacén para baleirar a auténtica piscina na que se converteu. E menos mal, porque "cando cheguei estaba un bombeiro cagándose en todo porque dicía que era incrible que nun polígono coma este as tomas de auga do Concello non teñan presión e que tivesen que ir cargar os camións a non sei onde. Ademais, xa pasou no incendio de Leche Río". 

Aínda así, tiña que resignarse a pensar que "dentro de todo, puido ser peor. Se empeza a arder o cable e o que temos aquí...", imaxina con medo. 

Por se non fose pouco o susto do incendio, a maiores tivo que aguantar as chamadas dalgún empregado da aseguradora: "Agora chámame o do seguro e pregúntame que que danos teño. E eu que sei, terán que enviar un perito e facer taxacións, eu que sei agora como está o material dentro das caixas molladas. Ou quen che di que a parede empeza a gretar nuns días e vai a máis", protesta impotente.

Comentarios