Ángeles Novo toma posesión este xoves como concelleira en substitución de Lara Méndez

A nutricionista incorporarase nun pleno no que se debaterán asuntos controvertidos, como a débeda de 1,5 millóns a Urbaser, a falta de aparcadoiro na cidade e o proxecto de Altri na Ulloa

Ángeles Novo, que actualmente exerce como nutricionista nunha clínica de Lugo e é coñecida tamén polo seu labor divulgador en distintos medios, tomará posesión este xoves como concelleira, en substitución da exalcaldesa, Lara Méndez, quen acaba de iniciar unha etapa política no Parlamento galego.

Novo incorporarase ao goberno da cidade, aínda que de momento non se deu a coñecer de que área se ocupará. Unha vez deixou a alcaldía, a Méndez asignáronselle as Relacións Institucionais, pero agora haberá algúns cambios na organización, segundo adiantou a nova alcaldesa, Paula Alvarellos, cando tomou posesión e informou da reorganización do goberno que levou a cabo nese momento.

Descoñécese tamén se Novo exercerá a tempo completo, xa que non hai moito que acaba de iniciar unha nova andaina profesional. 

A edil será un dos membros do goberno máis novo e incorporarase a un equipo que aínda se está reasentando, tras o cambio na alcaldía e os cambios que se derivaron del. No novo goberno gañaron peso Ana González e Pablo Permuy. A concelleira foi nomeada portavoz e responsable da zona rural, en substitución de Miguel Fernández, que tamén aspiraba á alcaldía e mantivo a área de Medio Ambiente e foi nomeado deputado provincial de Vías e Obras. Permuy sumou novas competencias a Persoal e Economía.

Novo tomará posesión nun pleno no que se tratarán asuntos polémicos, como o pago dunha elevada factura a Urbaser, a antiga concesionaria do servizo de limpeza da cidade, que deixou de prestar servizo en 2022; a falta de aparcadoiro na urbe ou o proxecto da multinacional Altri na Ulloa.

Comentarios