Ana Prieto: "Paréceme grave que se utilice unha pandemia para derrubar un goberno"

É unha dos 46 deputados que integran a Comisión para a Reconstrución que deseñará o futuro do país nesta nova normalidade. Durante o estado de alarma, Ana Prieto foi dos poucos parlamentarios que seguiu indo ao Congreso, onde foi testemuña das comparecencias semanais do ministro Illa na comisión de Sanidade, na que é voceira do PSOE
Ana Prieto. SEBAS SENANDE
photo_camera Ana Prieto. SEBAS SENANDE

Antepón a concordia ás diferenzas políticas cando toca falar da pandemia e de como reconstruír o país tralos tres meses do estado de alarma. Baixo esa premisa, Ana Prieto Lozano escoitou, as pasadas semanas, as opinións dos expertos sanitarios na Comisión para a Reconstrución Social e Económica, da que forma parte. A partir de agora, a farmacéutica e parlamentaria socialista encarará, con 45 deputados máis, o deseño de estratexias para fortalecer o sistema público sanitario no caso de novos brotes do virus. 

Hai tanta rivalidade política na Comisión para a Reconstrución como aparenta desde fóra? 
Na comisión hai catro grupos de traballo: o que leva temas de sanidade (onde estou eu), o da Unión Europea, o da política económica e o da reconstrución social. Creo que todos estamos en actitude de intentar chegar a acordos para fortalecer o sistema sanitario. Desde o PSOE, estamos intentando tender a man a todos. Son bastante optimista en canto a que haxa un acordo para levantar uns pilares básicos e construír un sistema forte e preparado para afrontar calquera brote. 

Pero a oposición non se mostrou moi colaboradora ata o momento neste proceso de reconstrución, non lle parece? 
Non se pode utilizar esta pandemia para facer confrontación política. Cando están en xogo a vida e a saúde, os grupos políticos teñen que unirse. É grave utilizar unha pandemia para derrubar un goberno. O noso grupo tende a man para chegar a acordos. 

E chegaron xa a algún acordo?
Non, aínda non porque estivemos, ata o pasado venres, escoitando as comparecencias dos expertos en saúde pública, atención primaria e tamén en ética e protección de datos. A partir de agora, elaboraremos as nosas conclusións e abrirase un debate. O noso obxectivo é conseguir un fortalecemento da atención primaria e tamén crear unha reserva de insumos como mascarillas, respiradores, Epis... para poder afrontar novos brotes e que non haxa escasez de material entre os sanitarios. Ao final, haberá un documento de conclusións que irá ao pleno do Parlamento. 

Queremos fortalecer a atención primaria e crear unha reserva de insumos para afrontar novos brotes

Descubriu algo que non soubese na comparecencia destes expertos na Comisión para a Reconstrución? 
Déronnos unha visión en 360 graos da sanidade pública. Chamoume moito a atención a intervención de persoal de Médicos del Mundo, que puxeron en marcha un hospital de campaña en Madrid. É tremendo o espírito de sacrificio do persoal sanitario! Poñen por diante da súa saúde a atención aos demais! Pero tamén tivo moito valor o traballo dos transportistas, das forzas de seguridade, dos caixeiros dos supermercados, dos mestres, da prensa... 

Como viviu vostede —que tamén é voceira do PSOE na comisión de Sanidade no Congreso e, por riba, farmacéutica— a escaseza de material sanitario que había nas boticas para protexerse do virus? 
Había moitísima demanda por parte de todos os países polo tanto era moi difícil poder subministrar a todos. As comunidades autónomas son as que provén de material aos sanitarios, pero tamén o Ministerio de Sanidade asumiu o mando único. Todas as administracións se esforzaron ao máximo para dotar de material. 

Tivo que responder a moitas preguntas da oposición sobre a xestión do Goberno na Comisión de Sanidade do Congreso, onde é voceira do PSOE? 
Eu falo en nome do grupo principal, do PSOE, pero non tiven que responder a ningunha pregunta da oposición porque, neste caso, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, comparecía todas as semanas na comisión e daba explicacións das actuacións do Goberno durante a pandemia. 

A maioría dos deputados estaban confinados nas casas. Eu seguín viaxando a Madrid

É consciente de que está a vivir unha oportunidade histórica como copartícipe, dalgunha maneira, da xestión da pandemia en España?
Esta é unha situación que ninguén esperaba e oxalá non tivésemos o virus e non houbese estes meses de estado de alarma. Pero si, é toda unha honra ser a voceira de Sanidade do meu grupo no Congreso. Ademais, no Parlamento, sempre digo que son de Lugo. Mesmo no perfil de Zoom poño entre parénteses Lugo. Sinto orgullo e tamén responsabilidade. 

Vivíronse momentos duros, na xestión da pandemia, durante as peores semanas? 
A maioría dos deputados estaban confinados nas casas. Eu seguín viaxando de Lugo a Madrid para ir á Comisión de Sanidade. O Goberno puxo en marcha medidas para paliar todas as consecuencias como a paga do Ingreso Mínimo Vital, que sacará da pobreza extrema a familias; os Ertes ou a aportación de 16.000 millóns de euros ás comunidades autónomas. Temos tamén que agradecer o papel da xente que quedou na casa. Había moita incertidume polo virus, pero a folla de ruta do ministerio eran os datos epidemiolóxicos. Tomáronse decisións acertadas en función do que se coñecía.

Necesitamos unha investigación do acontecido nas residencias de anciáns

Un dos temas máis polémicos foi o reconto dos mortos. Parécelle este un tema tan importante como destaca a oposición? 
Paréceme irresponsable que se utilicen os mortos para enfrentamentos políticos. O Ministerio recibe datos das comunidades autónomas e sempre houbo transparencia. Os informes que publica o Ministerio son os datos oficiais. 

Que papel tivo a xestión das residencias no número de falecidos? 
As competencias das residencias son autonómicas. Necesitamos unha investigación do acontecido nas residencias, que son fogares, non centros sanitarios. 

Sentiu orgullo por ser Galicia a primeira comunidade en saír da desescalada do estado de alarma? 
Sinto orgullo do meu país e da xestión do Goberno. Isto non é unha competición. Cada comunidade intentou protexer os seus cidadáns e houbo diferentes velocidades.

Comentarios