A ampliación das Mercedes atrásase polos permisos de obra

Educación asegura que está pendente do Concello para realizar os traballos no colexio

Este martes péchase o prazo de solicitude de matrícula para o próximo curso escolar, un proceso que ten en albas a moitas familias que escolarizan aos seus fillos por primeira vez, especialmente as que aspiran a ter unha praza nos colexios máis demandados da cidade, como os da zona sur. O ano pasado, a Consellería de Educación tivo que duplicar o número de postos escolares para nenos de tres anos no colexio das Mercedes e, para aliviar a presión en anos próximos, tamén decidiu construír novas dependencias nese centro educativo, con intención de que a ampliación estivese lista para o curso 2016-2017. Con todo, a piques de comezar o mes de abril, o proxecto non se puxo en marcha porque, segundo a Consellería de Educación, promotora da obra, o Concello non concedeu aínda os permisos necesarios. A tardanza inqueda á comunidade educativa, que teme que os traballos non terminen a tempo.

Pola súa banda, a Administración local non deu explicacións sobre cando está previsto darlle luz verde nin a que se debe a demora, a pesar de ser solicitada a súa versión. O departamento de Urbanismo do Concello está a revisar o proxecto básico de execución e debe aprobar o estudo de detalle para que poidan empezar os traballos. A comunidade educativa teme que un atraso no inicio da obra supoña que non estea lista para o próximo curso.

O proxecto pretende dotar de novas dependencias ao centro construíndo unha planta máis. Esta ampliación é urxente, posto que o colexio está xa moi axustado de espazo, especialmente desde que o ano pasado tivese que redistribuír espazos para poder admitir 25 alumnos de tres anos a maiores dos 25 previstos inicialmente debido ás protestas das familias que se quedaron sen praza nun centro da súa conveniencia.

O proxecto prevé dotar de novas dependencias ao colexio engadindo unha planta máis sobre unha parte do edificio

Naquel momento aproveitouse o verán para facer unha adecuación básica das instalacións que permitise dar cabida a máis nenos de acordo coa normativa e anunciouse unha actuación máis ambiciosa que servise para dar un pouco de osíxeno de face aos próximos anos.

DISCREPANCIAS. Para o próximo curso, a Consellería de Educación obrigou ao colexio das Mercedes a ofertar de novo cincuenta prazas en cuarto de infantil, a pesar de que a comunidade educativa considera que o edificio non ten capacidade para admitir a máis de 38 alumnos en condicións dignas, posto que coa entrada de alumnos do ano pasado xa levou ao centro ao límite da súa capacidade.

As Mercedes non foi o único centro que tivo que ampliar a admisión de tres anos o curso pasado, tamén o de Casás, na zona norte, tivo que integrar unha unidade máis de tres anos, o que supón 25 alumnos máis.

Ata que se peche o trámite de solicitude de praza non se saberá se este ano realmente existirá desfasamentos entre a oferta e a demanda nalgún colexio da cidade, aínda que a Federación Provincial de Pais de Alumnos (Fapacel) dá por seguro que nos colexios da zona sur volverá repetirse a situación do ano pasado, se non peor. Os datos demográficos, apunta, mostran un descenso xeneralizado da natalidade con respecto ao ano pasado, pero un incremento na zona sur, polo que temen que a presión sexa aínda maior que en 2015. Fapacel pediu reiteradamente que se actualice o mapa de influencia dos centros escolares, pero a Consellería de Educación anunciou este curso que esa medida non entra nos seus plans.

Comentarios