Os alumnos do Ánxel Fole comezaron este luns 21 días de uso exclusivo do galego

Presentación da iniciativa no Ánxel Fole. SEBAS SENANDE
photo_camera Presentación da iniciativa no Ánxel Fole. SEBAS SENANDE

Os alumnos do IES Ánxel Fole participan dende onte no programa 21 Días co Galego e +, no que se comprometen a utilizar de xeito exclusivo esa lingua durante as próximas tres semanas. A duración do plan fai referencia ao feito de que ese é o tempo que algúns estudos estiman preciso para crear un novo hábito.

A iniciativa, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo e xa recibiu varios premios, ten dous obxectivos ambiciosos no plano lingüístico: a procura do aumento do uso do galego como lingua de comunicación habitual e a reflexión individual sobre a relación que cada participante ten cos linguas que coñece.

Na apertura da actividade do luns participou o escritor e exprofesor do centro Paco Martín. O acto de inauguración, que tivo lugar no salón de acto, abriu tres semanas de actividades colectivas onde se realizarán fotografías e vídeos, coordinados polo equipo de Dinamización Lingüística o departamento de Lingua Galega, e a dirección do centro.

O programa foi desenvolvido inicialmente pola profesora Pilar Ponte no IES Pobra do Caramiñal e despois adoptado pola consellería para promover o uso do galego entre os adolescentes.

Nesta edición conta coa participación de 10 centros de toda Galicia e 3877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos da Eso, de Bacharelato e de FP. Tamén participan de forma directa 305 profesoras e profesores e 60 membros do persoal de administración e servizos. O IES Ánxel Fole é o único de Lugo involucrado na iniciativa.

No blog 21 Días co Galego e + os rapaces e rapazas serán convidados a realizar gravacións individuais onde deixarán constancia das súas reflexións sociolingüísticas sobre a experiencia.

Comentarios