Os alumnos do curso de empresa familiar coñecen El Progreso

Blanca de Cora García-Montenegro e Manuel Pereira falaron da historia do diario e mostráronlles a planta de impresión

Os alumnos do curso de verán sobre empresa familiar que se desenvolve na facultade de Administración e Dirección de Empresas (Ade) de Lugo puideron coñecer o mércores de cerca a unha das empresas familiares máis destacadas da provincia, El Progreso.

Os estudantes, xunto coa decana de Ade, Begoña Barreiro, achegáronse o mércores ás instalacións do diario no polígono do Ceao para descubrir como funciona o ciclo de noticias desde que se redactan ata que se publican, ademais doutros aspectos técnicos.

A adxunta á presidenta, Blanca de Cora García-Montenegro, e o responsable do departamento de impresión, Manuel Pereira, foron os encargados de guiar aos alumnos do curso de verán pola planta de impresión.

O curso centrará este xoves a súa xornada de clausura no financiamento de compañías tecnolóxicas e a visita ao edificio Emprendia

Blanca de Cora explicou aos estudantes a historia do xornal provincial, que celebra nestes momentos os seus 110 anos de historia. Na súa longa traxectoria, o diario puido comunicar todos os avances e inquietudes da provincia, desde a falta de abastecementos e combustible nos anos 10 ata a chegada da Transición democrática a Lugo.

Os alumnos tamén puideron visionar un vídeo no que se lles deron máis detalles sobre a historia e funcionamento da empresa. Pereira continuou a visita cun paseo polo interior da imprenta e comentou os elementos necesarios para sacar adiante o xornal día a día.

O responsable de impresión detallou o proceso de creación de noticias e o funcionamento técnico da imprenta ata chegar á distribución de xornais por toda a provincia.

A visita ao Progreso, así como outra a Café Candelas que tamén se desenvolveu o mércores, formou parte do programa do curso de verán da USC que tamén se desprazou ao complexo industrial de Cortizo o mércores. O financiamento de empresas de base tecnolóxica e a visita ao edificio Emprendia da Universidade de Santiago de Compostela centrarán a xornada de clausura que terá lugar este xoves.

Comentarios