Os alugueres en Lugo están agora case un catro por cento máis caros que hai un ano

O prezo máis alto págase entre a Rolda do Carme e Fingoi, a 6,1 euros o metro cadrado
A Piringalla es uno de los barrios más baratos. XESÚS PONTE
photo_camera A Piringalla es uno de los barrios más baratos. XESÚS PONTE

Os alugueres en Lugo están agora case un 4 por cento máis caros que hai un ano, segundo un recente informe do portal inmobiliario idealista.com. En concreto, os prezos sitúanse este mes de maio un 3,6 por cento por encima de como estaban en abril de 2021, segundo os datos que baralla este portal.

A subida dos alugueres en Lugo fíxose notar especialmente coa entrada do ano novo, o mesmo que sucedeu no sector da alimentación e no das subministracións. Se se compara o prezo medio actual ao de xaneiro, obsérvase que os alugueres están un 3,8 por cento por encima do que estaban no principio do ano nunha escalada constante de prezos ata marzo. A partir de aí, baixou lixeiramente. De feito, o citado portal informa que os datos do custo do aluguer en Lugo en maio é un 1,2 por cento inferior ao rexistrado en marzo.

O prezo do aluguer nas vivendas de Lugo sitúase, agora mesmo, segundo idealista.com, en 6,1 euros o metro cadrado. Polo tanto, un piso de 90 metros cadrados cotízase, de media e dependendo da zona e as características da vivenda, en 549 euros ao mes.

O custo dos alugueres varía, en gran medida, segundo a zona na que estea situada a vivenda. Así, por exemplo, segundo idealista.com, este prezo medio —de 6,1 euros o metro cadrado— está a pagarse nos barrios máis caros da cidade. é dicir, na zona da Rolda do Carme e Fingoi.

En cambio, noutros puntos como Catasol ou Sanxillao, o aluguer medio anda por 5,9 euros o metro cadrado, lixeiramente máis baixo. Deste xeito, un piso de 90 metros cadrados sairía por 531 euros.

As rendas baixan máis aínda nos barrios de A Milagrosa e A Piringalla, onde o metro cadrado de superficie cotízase a  5,6 euros. Nestes casos, o mesmo piso sairía por 504 euros ao mes.

ESPAÑA. O prezo do aluguer subiu no mes de abril en boa parte das capitais de provincia españolas de mediano tamaño, pero non nas grandes cidades como Madrid ou Barcelona, segundo os datos do portal.

Aínda así, Barcelona segue sendo a cidade máis cara en termos de alugueres de vivenda, cun prezo mensual, en abril, de 16,5 euros por metro cadrado, case o triplo do que custa en Lugo, póndose unha vivenda de 90 metros cadrados en 1.485 euros. Séguenlle Madrid (a 15,2 euros o metro cadrado), San Sebastián (a 14,9), Bilbao (a 12,7) e Palma (a 11,7). 

Ourense, pola contra, é a capital con a renda máis económica de España con 5,8 euros por metro cadrado ao mes (un piso de 90 metros cadrados sairía a 522 euros), seguida de Zamora, Cidade Real e Cáceres (a 6 euros).

comentarios