Alerta por temperaturas no interior de Lugo

Alcanzaranse os 36 graos nalgunhas zonas da provincia

A provincia de Lugo continuará o domingo en alerta por altas temperaturas, de ata 36 graos nalgúns puntos do interior. A alerta tamén estará activa para a costa sur da Coruña e en Pontevedra, segundo a predición de Meteogalicia.

No centro de Lugo pode haber temperaturas que rocen os 36 graos, rexistrándose o período máis cálido entre as 15.00 e as 21.00.

En Sarria e Monforte a máxima chegará aos 34 graos, mentres en Lugo e Chantada 33 e en Vilalba o mercurio quedará nos 31.

Para A Mariña non está prevista ningunha alerta por temperaturas. Mondoñedo gozará de 28 graos; Foz e Viveiro rexistraranse 27; e en Burela e Ribadeo as máximas alcanzarán os 26 graos.

Os ceos estarán pouco nubrados ou despexados e non se agardan variacións nas temperaturas, con intensa sensación de calor. O vento soprará de nordeste, frouxo, excepto entre Bares e Fisterra, onde o fará con intensidade moderada, e nas Rías Baixas, onde seguirán as brisas costeiras.

Comentarios