A alcaldesa da Coruña apoia melloras na liña Ferrol-Lugo para mercancías

A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rei, expresou este xoves ao secretario xeral da asociación transfronteiriza hispano-lusa de municipios Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, a vontade de apoiar a modernización do trazado ferroviario Ferrol-A Coruña- Lugo, segundo informa Efe.

Nunha reunión coa rexedora na sede do Concello coruñés, Vázquez Mao incidiu na transcendencia deste eixo de ferrocarril como vía de transporte de mercancías dos portos da Coruña e Ferrol —os únicos de augas profundas da zona— con outros puntos de Europa.

Ante o inicio dunha nova programación para axudas europeas ao transporte, o secretario xeral da entidade explicou que Galicia debe estar en primeira liña porque "en función de como se harmonicen as políticas poderanse despois recibir os fondos necesarios para levar a cabo actuacións pendentes".

FONDOS EUROPEOS. Eixo Atlántico calcula que para completar as comunicacións ferroviarias sería necesario investir preto de 5.000 millóns de euros, que poden ser cofinanciados pola Unión Europea nun 50 %, mentres que o resto poderíanse financiar con préstamos do Banco Europeo de Investimentos, segundo indicaron fontes do concello coruñés.

A alcaldesa da Coruña destacou a importancia da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no contexto de consolidación das áreas urbanas continentais. 

Comentarios