Agustín Gallego: desembarco no PP para cambiar Lugo

Tras pasar ou colaborar con outras formacións, como UPyD e Galicia Sempre, este chairego afincado en Lugo sumouse á candidatura á alcaldía de Elena Candia o ano pasado

Agustín Gallego. XESÚS PONTE
photo_camera Agustín Gallego. XESÚS PONTE

Agustín Gallego (Castro Ribeiras de Lea, 1970) sumouse ao PP o ano pasado, cando a candidata á alcaldía, Elena Candia, o convenceu da necesidade de "aglutinar forzas" —explica o concelleiro— para tratar de provocar un cambio no goberno da cidade despois de anos de "políticas desafortunadas". Entre elas, Gallego cita un carril bici "desafortunado" no itinerario e que "non se usa" —en parte porque non se promociona—, os "bidés", di polas caldas, ou un barrio ecolóxico na Garaballa cando Lugo ten 54 parroquias, a maioría sen saneamento, resume.

Gallego non se arrepinte de ter pasado ou colaborado con outras formacións políticas e iniciativas, aínda que sempre lle custaron tempo e cartos, como sucede agora co seu labor na oposición do Concello, sinala. "Diría si a calquera iniciativa sempre que fose para contribuír a mellorar Lugo, e máis aínda se é no eido das persoas maiores", explica.

Antes de chegar ao PP foi candidato de UPyD; colaborou con Galicia Sempre, partido do exsocialista Manolo Martínez, e fundou a plataforma Lugo Sempre. Todo isto fíxoo mentres dirixía a empresa Yelpa (leva as iniciais das súas fillas), especializada en servicios sociosanitarios, como a axuda no fogar e o acompañamento a usuarios de residencias de maiores, aínda que nas orixes tamén foi comercializadora de Gas Natural. Foi aló polo 2011, tras anos traballando para a empresa da Ora na cidade.

A actividade actual, moi centrada na prestación de servizos de urxencia, obrígao a estar pendente do teléfono as 24 horas, polo que a este chairego afincado en Lugo, na Avenida de Madrid, non lle queda tempo para moito máis, conta. 

A súa primeira experiencia na política institucional está a ser boa, di, porque, aínda que ten contrariedades, como as limitacións de tempos e de marxe de acción que ten a oposición, hai tempo que Gallego é unha persoa "agradecida coa vida". Resúltalle, iso si, desmoralizador ver como moitos asuntos "se enquistan" e as respostas aos problemas e ás necesidades dos cidadáns tardan.

Porén, a "frescura" de Candia e un PP que el xa non ve "rancio" —"ata levamos ao pleno iniciativas en defensa dos traballadores", — cren que servirán para demostrar que "hai proxecto para Lugo". Chegaría, apunta, con poñerse á altura doutras cidades en cuestións como a promoción do turismo, di. É unha das súas parcelas e  saca o móbil para enfrontar uns paneis oxidados na Rúa da Raíña cunha gran pantalla interactiva doutra cidade. "Faltan ideas", conclúe.

Comentarios