Agro Muralla cualifica a tractorada de Lugo como "un éxito espectacular"

Centos de tractores continúan na contorna da muralla, nunha mobilización contra os baixos prezos do leite que se manterá de forma "indefinida" ► Os gandeiros visitarán este venres pola tarde o hipermercado Carrefour nas Saamasas para informar os consumidores sobre a crise do sector

Centos de tractores continúan na contorna da muralla romana de Lugo, nunha mobilización promovida por Agro Muralla contra os baixos prezos do leite e que se manterá de forma "indefinida", segundo destacou este venres o portavoz desta plataforma, Roberto López.

A pesar de que nos días previos denunciaron a existencia dunha "campaña moi forte" para desmovilizar aos gandeiros, o colectivo mostrouse sorprendido polo "éxito espectacular" desta tractorada que desbordou as previsións deste colectivo que naceu á marxe dos sindicatos agrarios. De feito, segundo os datos da Policía Local, máis de 800 vehículos agrícolas tomaron o xoves a cidade de Lugo.

"Non pensabamos que ía haber tanta xente pero a crise afecta moi duro e a xente decidiu saír", manifestou antes de explicar que os gandeiros pasaron a noite nos seus vehículos a pesar das xeadas e a néboa.

O gandeiro do Corgo insiste en que a tractorada se convocou de forma "indefinida", ata que os produtores lácteos decidan marchar ou se lles poña algo enriba da mesa".

Ademais, sinalou que seguirán coas súas "visitas" aos centros comerciais para explicar a situación dos baixos prezos que chegan aos gandeiros, a pesar da subida nos liniais dos prezos do leite ao consumidor.

Outro dos portavoces de Agro Muralla, Odón Castro, gandeiro de Láncara, afirmou que "Lugo está outra vez colapsado de tractores" e "a xente está a apoiar totalmente o que se está facendo", porque "a crise é brutal" e hai "que protestar para ver se se toman medidas dalgunha forma".

"Aquí non vimos porque queremos, aquí vimos porque temos unha necesidade, porque estamos a perder diñeiro e ao bordo do peche" en moitos casos, precisou.

Na mesma liña, quixo deixar claro que nesta protesta non existe ningún tipo de motivación política. "Nós niso non entramos. Vimos aquí a protestar polo noso. Por un problema que temos. Sobre ese tema non temos nada que comentar".

Os manifestantes mostráronse dispostos a manter a protesta, incluso durante as festas de Nadal, se non reciben ningún tipo de solución ao problema que levou os tractores á Rolda da Muralla.

"Nós o que queremos son garantías firmes. Namentres, imos seguir aquí, porque a xente está ao bordo da desesperación. Non se consegue facer viables as explotacións hoxe en día", engadiu.

En canto á posibilidade de que a súa presenza pode entorpecer dalgún modo a venda do comercio local durante a campaña de Nadal, un gandeiro de Cospeito comentaba que "esa campaña xa está chafada", porque se os produtores "non cobran" polo froito do seu traballo tampouco poden "gastar".

Os gandeiros que están a participar na tractorada reuníronse este venres ao mediodía en asemblea fronte ao edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo e decidiron realizar pola tarde unha visita ao hipermercado que a multinacional Carrefour ten na zona das Saamasas.

"Imos impartir información", precisou o portavoz de Agro Muralla, entre "os consumidores", para que saiban "como está o sector" e os "problemas" que teñen os produtores de leite polo baixo prezo que se paga en orixe.

Pola noite, os gandeiros repártense por zonas para vixiar os tractores por toda a Rolda e reforzar o traballo que xa están a facer os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Comentarios