Age pregunta pola morte en traslados de enfermos cardíacos de Lugo

A formación leva ao Parlamento de novo o debate sobre o cumprimento dos "compromisos" da Xunta respecto ao Hula

Alternativa Galega de Esquerda rexistrou varias iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta informe sobre os pacientes con afeccións coronarias que faleceron en traslados desde Lugo.

En concreto, esta formación quere saber cantos pacientes con infarto de miocardio ou anxinas de peito foron trasladados a hospitais fóra de Lugo; cantos deles faleceron; cantos pacientes de cancro tiveron que viaxar para recibir radioterapia e "cando pensa a Xunta cumprir os seus compromisos e dotar o hospital público de Lugo de servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear".

Lugo está a vivir unha mobilización veciñal pola falta dos dous últimos servizos citados e porque a sala de hemodinámica do Hula só funciona pola mañá. As preguntas de Age, formuladas por Eva Solla e Ramón Vázquez, sinalan tamén que "as reivindicacións da cidadanía non só non foron escoitadas, senón que a iniciativa lexislativa popular debatida no Parlamento foi totalmente desnaturalizada".

Para a formación, a ausencia destes tres servizos "abre a porta á privatización".

Comentarios