Enfróntanse a unha pena de cárcere por ameazar á testemuña dun xuízo

Por mor dunha denuncia do home, que este martes non se presentou á vista e obrigou a aprazala, as dúas acusadas e outros cinco familiares foron imputados por tráfico de drogas e tenencia de armas

Dúas mulleres, con iniciais E.G.M. e I.R.M., enfróntanse a sendas penas de dous anos e medio de prisión por ameazar a un home para que non acudise de testemuña a un xuízo contra sete membros dunha familia -elas dúas incluídas- acusados de integrar unha organización criminal dedicada ao tráfico de drogas. As dúas mulleres ían ser xulgadas este martes no Penal número 1 de Lugo por obstrución á Xustiza e ameazas condicionais, pero o home non se presentou e a xuíza decidiu aprazar a vista pola "gravidade dos feitos".

A maxistrada fixou de novo o xuízo para o 28 de maio de 2020 e anunciou que se tomarán "medidas" para que a vítima poida prestar declaración. Ademais, ofreceráselle tamén a posibilidade de declarar por videoconferencia "desde onde estea", dixo.

Segundo a versión da Fiscalía, o home separouse da súa muller, que é familiar dos sete acusados, coa que tivo unha filla en común. Un xuíz estableceu un réxime de visitas e fixou que os intercambios da menor levarían no punto de encontro da capital lucense.

Nunha destas citas, as dúas acusadas, que acompañaban á nai da nena, recrimináronlle ao home que interpuxese unha denuncia na Garda Civil, xa que por mor desa denuncia, sete membros do clan foron acusados dun delito contra a saúde pública, outro de integración en grupo criminal organizado, un de tenencia ilícita de armas de fogo e outro delito de falsidade en documento oficial e mercantil. Estes delitos aínda están pendentes de xuízo.

As acusadas, segundo a versión da Fiscalía, dixéronlle ao home nas inmediacións do punto de encontro que ían "matalo por chivato", que "vixiase as súas costas", e que non fose aos xuízos, xa que se alguén da familia era enviado a prisión pola súa denuncia, "mataríano". Igualmente, ameazárono e intimidaron para que deixase de acudir ver á súa filla.

Ademais dos dous anos e medio de cárcere, o fiscal pide para as acusadas sendas multas de 5.400 euros.