Afronta cárcere por seguir o seu marido e a amante pola A-6 e embestilos

A acusada, unha veciña de Lugo que viaxaba co seu fillo de seis anos, seguiunos a gran velocidade ata Rábade e empuxounos co seu coche varias veces. "Eu era a súa muller e os bicos tíñamos que dar a min", declarou

Unha veciña de Lugo, de 48 anos de idade, pode acabar entre reixas por perseguir supostamente de forma temeraria o seu marido e a amante deste pola A-6 e embestilos varias veces co seu turismo, intentando así botalos da estrada. A muller —que viaxaba acompañada do seu fillo, de tan só seis anos— enfróntase a unha condena de tres anos e dous meses de cárcere, xa que o fiscal a acusa de condución temeraria, coaccións e ameazas.

Os feitos sucederon sobre as doce e media da mañá do 24 de xullo de 2010. Ese día, a acusada ía co seu fillo e viu o seu marido no seu coche acompañado doutra muller. "Estaba con outra señora dándose bicos e ata o neno me dixo que era a amante. Eu era a súa muller, así que os bicos e os abrazos tíñamos que dar a min", comentou.

"Non pasei medo, tiven pánico. Case perdo o control e pensei que iamos todos por un barranco", dixo o home

A muller recoñeceu que os seguiu en coche por varias rúas da cidade, ata que o marido saíu cara á Campiña, e se incorporou á autovía en dirección a Rábade. Segundo explicou o home, a acusada seguiunos a gran velocidade e arremeteu en cinco ocasións contra o seu vehículo. "Xa nos golpeou cando estabamos nun semáforo e na autovía volveu facelo. Eu non é que pasase medo, tiven pánico. Unha vez pensei que perdía o control do coche e que iamos todos por un barranco".

Finalmente, o home chamou á Garda Civil e detivo o seu turismo en Rábade. "Ela baixou do coche e comezou a insultarnos e a darlle patadas ao meu coche. Os axentes preguntáronme se quería denunciala, pero non o fixen para que o neno non vise que a levaban esposada", aclarou. A acusada, con todo, asegurou que unicamente os golpeou nun semáforo, pero dixo: "Foi un accidente, xa que el freou de golpe e non me dei conta".

O fiscal alega tamén que a muller chamou o seu marido —do que actualmente xa está divorciada— e ameazou con "suicidarse no coche co neno". Di ademais que noutra ocasión o ameazou cun coitelo, aínda que a acusada negou estes episodios.

A acusación particular pide o seu ingreso nun centro "porque ten un trastorno depresivo e coeficiente intelectual no límite da normalidade".

Comentarios