Adeus a once anos da Casa das Cores

O local, que foi clave para que a zona da ponte romana se convertese en centro destacado do lecer en Lugo, pechou este sábado as súas portas ao non renovar o contrato de aluguer
Zaida Portomeñe y José Portas en el último día de A Casa das Cores. SEBAS SENANDE
photo_camera Zaida Portomeñe y José Portas en el último de A Casa das Cores. SEBAS SENANDE

Puxéronlle A Casa das Cores porque José Portas e Zaida Portomeñe, os xerentes deste coñecido restaurante da Ponte —que este sábado pechou as súas portas tras once anos ao non renovar o aluguer— pretenderon, desde o primeiro momento, transmitir á clientela toda a forza e vitalidade que eles quixeron dar a estas catro paredes ofrecendo un resultado final moi acolledor. 

"Nunca pensamos nese nome. Simplemente xurdiu das cores con que pintamos as paredes. Non tiñamos moito orzamento e fomos arranxándoo nós pola nosa conta. En Galicia, predominan nos bares as cores apagadas ou brancas e nós queriamos máis cor, máis diversidade. Así que, ao final, foi A Casa das Cores. Todo foi unha roda", explica José Portas.

E, efectivamente, foino xa desde o principio porque tanto José como Zaida non tiñan experiencia previa na hostalería. José facía deseño gráfico e Zaida traballara con electrodomésticos Bosch. A crise do 2010 deu un envorco ás súas vidas.

"Decidimos montar un bar onde se desen tamén comidas. Coñeciamos esta casa e gustounos moito, así que decidímonos", explica José sobre o inicio dun negocio que foi decisivo para que a zona da ponte se convertese nun popular eixo do lecer.

Esta parella soubo facer deste negocio a casa de moitos dos seus clientes, que sentían moi acollidos polo ambiente alí xerado e tamén pola cociña, na que destacaban as pizzas.

"As pizzas incorporámolas xa cando levabamos uns anos e a verdade é que foron todo un éxito. á xente gustábanlles moito. O certo é que non nos foi nada mal nestes once anos nos que estivemos á fronte do restaurante", comenta José.

Agora daranse unha pausa para ver como evolucionan as restricións do covid e pensar, de paso, que facer coas súas vidas.

"Esperaremos. A nosa intención é seguir coa hostalería, non volver ás nosas profesións anteriores. O que si quereriamos é buscar unha casa bastante parecida á que tiñamos e iso non é moi fácil. Moitos dos nosos clientes viñan polo ambiente que había na terraza e o estratéxico do emprazamento e na Ponte, non hai outra casa como esa", engade José.

O certo é que esta parella se sentiu, desde o principio, moi ben acollida tamén no barrio da Ponte. Unha zona que coñecían antes só de visita. "Gustounos moito a casa e a zona e non nos enganamos. O sitio era privilexiado, á beira do río e da ponte e a verdade é que, aínda que non somos de alí, logo destes once anos "si que nos consideramos medio da Ponte". Realmente, continúa José, "é un barrio do que estamos moi namorados".

Comentarios