Adeus ao hostaleiro Manuel Rodríguez, da Tasca

Puxo en marcha o emblemático bar da Rúa da Cruz que botou o peche en 2021 logo de 71 anos en funcionamento
Flores en un cementerio. PIXABAY
photo_camera Flores en un cementerio. PIXABAY

Foise outro dos hostaleiros emblemáticos de Lugo. Neste caso, trátase de Manuel Rodríguez López, quen puxo en marcha A Tasca, un bar da Rúa dA Cruz que botou o peche en 2021 logo de 71 anos en funcionamento, tras a xubilación do seu fillo Luís.

Manuel Rodríguez faleceu o pasado domingo con 99 anos de idade. Este luns celebrouse unha misa na capela de Velorios Lucenses e a incineración tivo lugar na intimidade familiar. A súa historia como hostaleiro comezou nun local que, antes de ser A Tasca, facíase chamar Bodegas Bercianas.

Xa como A Tasca enseguida converteuse nun dos locais de referencia da rúa dos viños de Lugo, testemuña que recolleu o seu fillo Luís e a súa nora Maruchi, artífice dalgunhas das mellores tapas dos locais desta zona de Lugo como, por exemplo, a ensaladilla, o polbo, os petiscos morunos, a paella, os callos, a tortilla e as patacas fritas.

O falecemento de Manuel Rodríguez causou consternación entre moitos lucenses que senten un gran aprecio por esta familia e polo bar que dirixiron durante tanto tempo. Un dos moitos que contribuíron a facer de Lugo unha das localidades referentes da gastronomía en Galicia. Manuel deixa viúva, Concepción López Saavedra, e outro fillo, Manuel, ademais de Luís. Tamén deixa dúas netas e dous bisnetos.