Adeus ao Garañón trece anos despois de que Pilar de Lara paralizáseo

Unha máquina empezou a moder a estrutura de tres sotos á espera dunha megaexcavadora que botará abaixo as torres, declaradas ilegais en 2011 tras un proceso que tivo consecuencias políticas e doutro tipo para a cidade
Una máquina trabaja en la demolición del esqueleto del edificio de o Garañón. SEBAS SENANDE
photo_camera Una máquina trabaja en la demolición del esqueleto del edificio de o Garañón. SEBAS SENANDE

Agora si. Unha escavadora empezou a derrubar O Garañón, trece anos despois de que a polémica urbanización fose paralizada pola xuíza Pilar de Lara e dese lugar a un dos episodios máis negros do urbanismo lucense do último medio século, que tantas consecuencias, políticas e doutro tipo, tivo para a cidade.

Unha máquina escavadora comezou este martes a morder' ‘e a tirar abaixo a estrutura dos tres sotos que conformaban o garaxe de unha das torres que quedaron a ese nivel de construción cando Pilar de Lara mandou parar, en 2010, como medida cautelar ao sospeitar que houbera prevaricación urbanística. A xuíza, que co tempo acabaría sancionada e perdería a súa praza en Lugo polas deficiencias nesta e outras instrucións, actuaba tras a denuncia da Asociación en Defensa do Parque Rosalía de Castro.

As sentenzas anulatorias das licenzas tardarían aínda en chegar. A última, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, emitiuse en 2017 e foi nese momento cando a alcaldesa, Lara Méndez, decidiu renunciar a seguir defendendo O Garañón e iniciou o camiño contrario, o da derriba.

Levar a termo o expediente de reposición da legalidade foi un proceso complicado, que atopou reticencias internas, de técnicos que no seu día participaran no expediente e seguían defendendo a súa corrección e que, en útlimo termo, vían posible legalizar a construción. E, loxicamente, houbo obstáculos tamén por parte do promotor e do seu principal acredor, o Banco Santander, que pelexaron ata o último momento por deter a demolición.

O camiño para que as máquinas empezasen a actuar quedou despexado hai pouco máis de mes e medio, pero os preparativos, os permisos e ata a disposición do material necesario demorou o inicio. E, de feito, é probable que a parte máis espectacular, cando un brazo articulado de grandes dimensions empezo a botar abaixo unha das torres, non se vexa ata a próxima semana.

Trátase dunha máquina de 80 toneladas de peso que será achegada por unha empresa madrileña e que non chegará a Lugo ata o venres, probablemente, xa que houbo un contratempo co permiso especial que necesita para ser transportada. Virá en tres pezas noutras tantas góndolas, máis un cuarto tranporte máis pequeno para a máquina machacadora de cascallo.

A empresa á que lle foi adxudicado o proxecto e a obra de demolición, a pontevedresa Xestión Ambienal de Contratas, ten de prazo ata pasado mediados de agosto para levar a cabo o traballo de derriba. A maiores ten que repor o estado orixinal da parcela, para o que debe encher os ocos dos sotos, cubrir con terra vexetal e céspede e instalar rega. O obxectivo é que pase a ser unha zona verde de uso público, unha prolongación das costas do Parque, aínda que para iso o Concello deberá modificar o PXOM e facerse coa propiedade do terreo. Asegura que están en marcha ambos os procesos, aínda que non dá detalles.

O mole: unha L de oito plantas que son 10

O Garañón ían ser varias torres pero só había dúas levantadas e os garaxes dunha terceira cando De Lara paralizou a obra. Existen, xa que logo, dous edificos en forma de L, con sotos, planta baixa, oito plantas tipo e ático. Aínda que  en realidade a altura dun deles é de nove plantas sobre rasante na cota máis baixa e a do outro, de dez.

A parcela ten 7.926 metros cadrados e a edificación ocupa 3.663, na parte máis alta, cara a García Portela e o Parque.

A demolición xerará 37.796 metros cúbicos de cascallo, segundo a memoria descritiva do proxecto.

Comentarios