Adif licita as obras de supresión de dez pasos a nivel en Lugo

Investirá case 6 millóns de euros no proxecto, que incluirá tamén a súa substitución por tres novos pasos superiores e un inferior
Paso a nivel de Castelo de Abaixo. XESÚS PONTE
photo_camera Paso a nivel de Castelo de Abaixo. XESÚS PONTE

Adif avanza na supresión de pasos a nivel en Lugo coa licitación de dous contratos que permitirá eliminar dez pasos na liña ferroviaria León-A Coruña ao seu paso polo municipio.

Estas actuacións suporán un investimento, por parte de Adif, de case 6 millóns e suporá un importante avance na modernización da rede ferroviaria e tamén en seguridade, tanto para o tráfico viario como o ferroviario e o peonil.

A supresión destes dez pasos ferroviarios a nivel suporá a execución de tres novos superiores e outro inferior, cos seus accesos correspondentes e enlaces co viario xa existente.

Esta actuación para a supresión dos dez pasos súmase á xa licitada anteriormente no termo municipal de Lugo, para a eliminación doutros catro a nivel, o que se realizou cun orzamento de algo máis de 3 millóns de euros. Estes catro pasos serán substituídos por dous pasos inferiores e varios camiños de acceso a estes pasos (no caso dos tres primeiros) e unha conexión con outro paso inferior xa existente.

Os plans de Adif para mellorar a infraestrutura ferroviaria en Lugo compleméntanse con outras actuacións na provincia como, por exemplo, a mellora da protección dun paso a nivel en Sober; a supresión de catorce pasos en Sarria e doutros dous en Monforte que, neste caso, serán substituídos por un paso inferior. Tamén se proxecta a supresión do paso a nivel de Rábade.

A estes traballos habería que engadir a eliminación dos catorce pasos a nivel que supuxo a posta en servizo da variante da Pobra de San Xiao, hai catro anos, no tramo Monforte-Lugo.

Estas actuacións enmárcanse nos proxectos previstos por Adif para a supresión de 299 pasos a nivel en toda España, tanto na rede convencional como na de ancho métrico, cun investimento previsto total de 300 millóns.

Comentarios