Adif convoca á Xunta e ao Concello de Lugo para avanzar na intermodal

As tres administracións de reunirían o xoves, co fin de coordinar os proxectos para as instalacións destinadas a autobuses e trens
Estación de tren de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Estación de tren de Lugo. SEBAS SENANDE

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) convocou ao Concello de Lugo e á Xunta de Galicia a unha reunión da Comisión Técnica da Estación Intermodal da cidade para presentarlles ás partes os avances do proxecto que está a redactar para a construción desa dotación.

A reunión celebrarase en Lugo, o xoves 5 de marzo, segundo informou o goberno local, que tamén avanzou que, pola súa banda, participarán na comisión técnica o edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, e varios técnicos municipais.

Adif enviará a técnicos da Ute que resultou adxudicataria da redacción do proxecto de intermodal e espérase a participación do "consultor que redactará o proxecto da terminal de autobuses", financiado pola Xunta de Galicia, "con ánimo de dar pasos na coordinación desta estación e a do ferrocarril", engade o goberno local.

Aínda está pendente a firma do convenio entre as tres partes para definir o financiamento desta infraestrutura.

Segundo o Concello, Adif está á espera de que a Xunta de Galicia peche unha data para celebrar esa reunión, que en principio estaba prevista para finais de xaneiro, pero foi posposta polo goberno galego.

Nese convenio, asinado xa para as intermodais de Ourense, Santiago e Vigo, estableceranse as responsabilidades de cada unha das administracións e o diñeiro que achegarán para a intermodal.

Comentarios