Adega di que a Xunta cuestiona o impacto da ampliación do Ceao

O grupo ecoloxista explica que un informe da Xunta indica que a ordenación urbanística ameaza valores ambientais da zona, onde hai arboledas e afluentes do río Intre
undefined
photo_camera Ao fondo, arboledas das leiras afectadas pola ampliación do Ceao. XESÚS PONTE

O grupo ecoloxista Adega sacou onte á luz un informe da Consellería de Medio Ambiente no que se cuestiona o impacto que terá sobre o ecosistema da zona a ampliación do polígono do Ceao cara ao centro comercial As Termas. O informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental fíxose público o pasado 18 de maio e, segundo Adega, "cuestiona a viabilidade" do plan urbanístico deseñado para unha nova urbanización industrial que no PXOM denomínase Sector S-5.I.

"Tras constatar os salientables valores ambientais do ámbito afectado, onde se atopan varias nacentes do río Rato e existen abundantes formacións de bosque de ribeira e carballeiras, e detectar graves deficiencias non plan presentado –na identificación dos elementos naturais, na análise dos riscos de inundabilidade que afectan ao ámbito, falta de integración topográfica e paisaxística, etc.–, o informe xulga que a ordenación formulada supón unha ameaza directa sobre algúns destes valores e pode dar lugar a efectos ambientais significativos", indica o grupo ecoloxista.

CARENCIAS. Adega engade que o informe da Xunta considera que as cuestións que se apuntan condicionan a tramitación desta urbanización "a unha xustificación da necesidade de urbanizar o ámbito, a unha revisión global da ordenación proposta, con adopción de medidas que minimicen os seus efectos ambientais, e á execución previa de determinadas obras infraestruturais, imprevistas no plan urbanístico".

Mapa da ampliación do Ceao

Os ecoloxistas tamén recordan que este proxecto urbanístico xa foi informado  "desfavorablemente" por outros organismos, como a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que indica que considera "inviable o plan, por non respectar toda a rede fluvial afectada, non garantir o mantemento da súa función como corredor ecolóxico e estudar incorrectamente os efectos de inundabilidade xerados pola mesma".

Ademais, di que o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia advertiu da falta de estudos obrigatorios en materia de paisaxe e informou do efecto negativo do plan sobre o bosque húmido existente, así como sobre a integridade da rede fluvial e das masas arbóreas e alertou do "incumprimento de varias normas por mor da ocupación urbanística inxustificada dun espazo de valor natural e ecolóxico".

Por todo iso, Adega, que recorda que presentou alegacións contra este plan xunto con outros colectivos, denuncia "a insustentabilidade e irracionalidade da nova urbanización industrial" e recorda que hai 125 hectáreas de chan con esta catalogación xa planificadas no municipio, que considera suficientes para cubrir a demanda durante décadas.

Comentarios